Este vindeiro mércores 16 de agosto comeza en Xove o amplo Programa de Actividades que o Concello de Xove programou, conxuntamente coa Comisión de Festas e as asociacións culturais Saiñas e Prestoxove, para as Festas Patronais do San Bartolo.
–Mércores 16 de agosto ás 20:00 horas. Inauguración da Exposición 40 Aniversario do Grupo Saíñas na Sala de Exposicións do Centro Cívico, coa cal a Asociación celebra por todo o alto estes intensos 40 anos de actividade, mostrando un pouco da súa amplísima istoria a través de fotos e un fermosísimo vestiario.
Os horarios de apertura ao público desta exposición van ser os seguintes:
-Días venres 18, sábado 19 e domingo 20 de agosto:
Pola mañá de 12:00 a 14:30 h.
Pola tarde-noite: de 19:00 a 23:00 h.
-Do luns 21 de agosto ao domingo 3 de setembro (ambos días incluídos):
Pola tarde de 17:00 a 21:00 h.
–Mércores 16 de agosto ás 22:00 horas na Praza do Centro Cívico. Proxección da película “O que Arde” do director Óliver Laxe. A película desenvólvese no medio rural galego e na mesma participan numerosos actores non profesionais da Serra dos Ancares. A película aborda a desaparición do medio rural a consecuencia dos incendios.
A película vaise proxectar na Praza, ao aire libre, se o tempo o permite. Se chovese ou fixese moito vento, pasaríamos a proxección ao Pavillón. Inda que estamos no mes de agosto, aquí as noites refrescan, polo que recomendamos aos espectadores que veñan cunha rebequita ou cunha pequeniña manta á proxección.
A proxección está dentro do Programa Falaredes pertencente á Rede de Dinamización Lingúística (Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia). A entrada a esta proxección é totalmente libre e gratuita, polo que facemos unha invitación xeral a asistir á mesma.