-Cal é a diferenza entre unha medusa e a carabela portuguesa?
Normalmente, por ser un organismo xelatinoso, xa o asociamos ao grupo das medusas, mais cientificamente están as pradairas de medusas onde só vive a fase medusa ou só vive pólipo e medusa. Despois temos as falsas medusas que poden ser hidrozoos e outros tipos de organismos. No caso da carabela portuguesa é un conxunto de organismos que forman unha colonia con células moito máis especializadas e organismos máis complexos que os dunha medusa.
-Existe o grupo de “falsas medusas”?
Son hidrozoos sifonóforos, o de falsa medusa, insisto, é porque son colonias de numerosos individuos. Cada un deses individuos cumpre unha función. A parte superior é unha bulsa e non a forma de umbrela típica das medusas máis coñecidas. Esa parte son organismos especializados en flotación, logo hai individuos especializados en capturar presas. Despois está a parte de defensa, a que nós tememos, son os individuos con capacidade urticante e despois estaría a parte de reprodución. Hai outras especies moi parecidas á carabela mais non están nas nosas augas
-Coñécese o feito de por que existen estas colonias de organismos formando unha carabela?
Pode parecer unha simbiose entre organismos mais non é como as que coñecemos doutros grandes peixes convivindo con outros máis pequenos alimentándose dos restos que van deixando os grandes.
-Por que ten tanta fama de perigosa?
Por ter un alto poder urticante, polo menos dentro das nosas latitudes, ese é o motivo. O problema está na combinación de factores coa súa picada, é dicir, se a persoa sofre patoloxías previas, non son médico mais a picada da carabela pode danar ao organismo humano, refírome a dermatites ou problemas de circulación. Ademais diso, tamén as súas dimensións poden dar temor pois os tentáculos, onde están as células urticantes, poden medir até 20 metros.
-Coñécense as causas da proliferación destes organismos?
Un factor ao que fago referencia moitas veces é a existencia de moitos científicos nas praias a día de hoxe. Todos temos un móbil para sacar fotografías e avisar, temos webs onde rexistrar os avistamentos de medusas e agora xa é un “coñecemento” máis estendido. Logo tamén é certo o dos problemas asociados co aumento de temperatura na auga, comezou no Mediterráneo mais agora tamén acontece no Norte. De maneira natural, as medusas aparecen entre xuño e setembro e están moi marcadas polo grao de temperatura e cando esta sobe, as medusas achéganse máis á costa que é onde se mantén máis cálida a auga. O aumento de temperatura acelera a súa reprodución. Porén, o aumento da temperatura tamén pode matalas, entón por que non morren? Pois porque temos o problema da sobrepesca e contaminación mariña. A pesca case sempre incide no mesmo nivel trófico da cadea alimentaria e as especies afectadas son aquelas que depredan medusas, atún, tartarugas, peixe lúa e pouco máis. Se capturamos cada vez máis peixe a medusa non ten competidores e ten máis alimento e así proliferan. O desenvolvemento na costa e sobre todo o agrario, está vertendo moitos nutrientes ao mar aproveitados polas medusas e tamén aumenta a densidade de partículas en suspensión que non son tolerados por determinados organismos e si polas medusas.
-Existen lugares específicos onde crían estas carabelas portuguesas?
Nacen en mar aberto e a súa área de orixe é a zona atlántica. Aínda así, xa colonizaron o Índico e o Pacífico. Se unha especie pode soportar cambios na auga de temperatura e salinidade, pode adaptarse a calquera ambiente e iso é o acontecido con esta especie. Estes organismos móvense polas correntes mariñas, non teñen capacidade natatoria.
-Cal é a fonte de alimentación das carabelas?
Peixes e plancton o que máis.