InicioM.ambiente e PatrimonioTumbas e restos medievais en Mondoñedo poden dar luz sobre o pasado...

Tumbas e restos medievais en Mondoñedo poden dar luz sobre o pasado da Mariña

En 2013 o veciño de San Vicente de Mondoñedo, Miguel Chao, achou unha laxa ou lousa funeraria nuns terreos da súa propiedade. Avisado o arqueólogo municipal, Abel Vigo, fíxose unha intervención de urxencia onde se descubriron ósos humanos na tumba, algo excepcional en Galicia.

Publicada o

- Advertisement -

O lugar do Combarro, está situado na parroquia mindoniense de San Vicente de Trigás. En 2013 o propietario duns terreos nese punto descubriu os restos dunha tumba antiga mentres realizaba traballos de canalización de auga. Miguel Chao, o dono do predio, deu a coñecer este achado ao arqueólogo municipal do Concello de Mondoñedo, Abel Vigo, quen deu inicio a unha intervención de “urxencia”. O mesmo Miguel Chao tiña referencias orais por parte da familia e dos veciños doutros achados semellantes naquel mesmo lugar.

O excepcional desa intervención e do achado en si, foi encontrar ósos, algo excepcional debido á acedume do terreo en Galicia” di Juan Carlos Sánchez Prado, director científico do proxecto de excavación, profesor de arqueoloxía da Universidade de Santiago e membro do grupo de investigación ‘Síncrisis’. Unha década despois, entre o 1 e o 14 de agosto de 2023, houbo novas sondaxes que permitiron achegar máis información sobre unha época moi pouco coñecida de Galicia, os inicios da Alta Idade Media, entre a caída do Imperio Romano de Occidente, a chegada dos suevos e os séculos XII e XIII.

Desta volta “fixéronse tres sondaxes, unha cara o norte da primeira tumba intervida en 2013 por Abel Vigo; a segunda sondaxe fíxose nun terreo a poucos pasos máis esta non deu resultados e a terceira sondeou un terreo fóra do espazo da necrópole ou zona de enterramentos” di Celtia Rodríguez, directora de campo paos traballos de excavación.

NOVOS ACHADOS

Os primeiros restos óseos encontrados en 2013 “foron analizados polo arqueólogo Pachi Pérez Ramallo e desvelaron que eran dunha muller de entre 35 e 45 anos” di Sánchez Prado. “Usando o método do Carbono 14 sóubose que esta persoa viviu entre os séculos VIII e IX, algo tamén excepcional, pois isto indica que sería unha muller da Alta Idade Media”.

En agosto de 2023 foi cando se realizaron as seguintes excavacións e aí foi cando se encontraron outras tres tumbas con restos humanos, un adulto e dous soterramentos de dous menores. Sobre se sería un lugar de enterramento dalgunha orde relixiosa onde conviviran relixiosos masculinos e femininos, Sánchez Prado apunta que “de momento non podemos sabelo, si temos coñecemento de comunidades relixiosas dúplices, neste caso, ademais dos e das relixiosas tamén poderían estar enterradas persoas non vinculadas á comunidade relixiosa”.

Os enterramentos, tal como explica Sánchez Prado, primeiramente eran moi exteriores aos edificios relixiosos até que logo se foron achegando aos mesmos e así, co tempo, foi como se constituíron os cemiterios xunto ás igrexas. “O lugar chámase San Vicente e tamén se falaba dunha igrexa perto das tumbas, mais cremos que non é o actual templo”, indica Sánchez.

UNHA SORPRESA QUE PODE CAMBIAR MOITAS COUSAS

A terceira sondaxe realizada en agosto deste 2023, realizada fóra do patio ou lugar de enterramento, deu unha sorpresa ao equipo de investigación. “Na zona exterior demos cunha estrutura asociada a un nivel de ocupación e un posible forno” di Celtia Rodríguez. “Estamos falando dun grande achado porque é un asentamento do que aínda descoñecemos a súa tipoloxía, por iso debemos buscar paralelos en Galicia”. “É algo tamén excepcional porque non se encontraron até o de agora restos de asentamentos desa época” apunta Sánchez.

O achado de restos habitacionais (unha posible vivenda da época) trouxo canda si máis pegadas sobre a vida dos e das habitantes desa área. “Encontramos os restos dun forno moi deteriorado, estaba feito con lousas e o chan mostra que houbo grandes temperaturas nese punto” describe Sánchez Prado. Tamén se recolleron pezas de cerámica xunto ao posible forno, elementos que poden dar moita luz sobre o tipo de forno que sería (cerámica, cociña ou fundición).

“De momento son todo resultados preliminares, poderemos saber máis cando se limpen os restos que de momento están no CISPAC, na Cidade da Cultura, onde Pérez Ramallo fará a valoración dos restos humanos para trazar un perfil” aclara Celtia Rodríguez.

Os labores de investigación nos terreos do Combarro poden dar moita información sobre unha época, os comezos da Alta Idade Media, até o de agora moi descoñecida. As pistas que se recollan reforzarán, eliminarán ou abrirán liñas de investigación sobre como era a vida da xente nese período no norte de Galicia.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...