O proxecto Ría de Viveiro Fase I realizarase entre os días 04 de setembro e 15 de outubro. Este proxecto é unha evolución do proxecto Eterna, que estudaba os pecios da ría desde o ano 2018. O novo obxectivo é o estudo da influencia do mar no desenvolvemento e evolución das poboacións xurdidas ás beiras da ría e na súa contorna. Incluíndose a partir deste ano a zona oeste do concello de Xove e a oeste do Vicedo.
Nesta campaña continuaranse os traballos xa iniciados no proxecto Eterna no pecio da Fragata Magdalena (1773-1810), pecio Viveiro I (primeira metade do século XVII), Viveiro II e fondeadoiro de Estabañón.
Ademais iniciarase a prospección do río Landro desde Portochao cara augas abaixo e do xacemento tardo romano de Area, pois nesta evolución do proxecto inclúese o estudo dos xacementos relacionados coa explotación dos recursos pesqueiros, trafico de marítimo de mercadorías, auxilio á navegación e os hábitats onde residían as persoas vinculadas ao mar.
Na campaña participará un equipo multidisciplinar formado por 25 especialistas, este equipo de investigación, dirixido polo viveriense Antón López, esta formado pola FEDAS, a CMAS, o Grupo de investigación Lembranza, a UNED, a Universidade de Buenos Aires (Arxentina), o CONICET (Arxentina) e a Universidade de Cádiz. Con esta última asinouse un convenio de colaboración para a formación práctica dos alumnos do Master Arqueoloxía Náutica e subacuática neste proxecto.
A campaña está financiada pola Fundación Luís Monteagudo, Porto de Celeiro, a FEDAS e o concello de Viveiro. O proxecto conta coa colaboración do Seminario de Estudos Terra de Viveiro, a FEGAS, Escola de Mergullo Mergullo Viveiro, Topodel, Mariña Viveiro , O Chipe e Vivemar.
A fin de semana do 23 e 24 está programado realizar un curso sobre Patrimonio Cultural Mergullado e a súa conservación, certificado pola FEDAS e impartido polo equipo do proxecto na escola de mergullo Mergullo Viveiro, dirixido tanto a mergulladores (para os que se inclúe unha fase de auga) como a persoas interesadas nesta área da investigación e non teñan formación de mergullo.