O Concello de Mondoñedo consegue fondos para rehabilitar o Espazo Cultural Artesanía do Pasatempo e Museo da Forxa no barrio dos Muíños.
A Xunta de Galicia, a través da Axencia galega de desenvolvemento rural (Agader), vén de resolver a concesión dunha axuda de 60.138,97 € con cargo aos fondos do PDR de Galicia que se corresponde co 90% do total do orzamento do proxecto que ascende a 66.821,08 €. O restante 10% será aportado polo Concello. O importe da axuda distribuirase en dúas anualidades: 9.992,43 € no ano 2023 e 50.146,54 € no ano 2024. O prazo de execución e xustificación das actuacións remata o 15 de outubro de 2024.
As actuacións previstas para a rehabilitación da antiga nave de forxa e fragua vinculada a unha das canles do barrio dos Muíños para espazo cultural e museo inclúen a substitución das ventás, a reparación do chan e instalación de novo pavimento, reparación e pintado da paredes, revisión e reparación da instalación eléctrica, da fontanería, o aseo e a instalación dun sistema de calefacción.
“A proposta trata de respectar a edificación de 227 metros cadrados salvagardando as características tipolóxicas, construtivas e estruturais, ademais dos valores históricos e arquitectónicos do inmoble”, defenden dende o goberno local.
Previamente, xa se desenvolvera unha primeira fase de intervención da man do Instituto Galego de Vivenda e Solo para a recuperación da cuberta e reconstrución parcial dos muros con importantes deformacións.
E nunha fase posterior tamén se pretende restaurar e recuperar a maquinaria orixinalmente existente no inmoble, ademais de dotalo de mobiliario para acondicionalo para espazo cultural e museo. Igualmente, tratarase de recopilar documentación histórica do edifico, documentación gráfica de todo o proceso de recuperación, paneis informativos explicativos, didácticos, etc.
Espazo Cultural Artesanía do Pasatempo e Museo da Forxa
As actividades previstas para este espazo cultural son a divulgación e didáctica dos oficios e das artes aplicadas en xeral e da forxa en particular. Algúns dos espazos previstos son, polo tanto, unha biblioteca especializada en arte e artesanía e un taller de cerámica -que era a actividade principal do barrio- como espazo participativo para o público que permita o desenvolvemento de cursos de cerámica, taller de matricería, cestería, cestería con papel reciclado, encadernación, taller de papel reciclado, upcycling de vidro, pintura en seda, bixutería, contas de vidro, torno oleiro ou máscaras de Entroido.
E para completar a oferta, de forma que este espazo cultural sirva como “elemento dinamizador a cultura e o turismo en Mondoñedo”, o goberno local aposta polo desenvolvemento de eventos periódicos asociados a este espazo.