A Xunta prevé adxudicar antes de terminar o ano a redacción do proxecto para ampliar en 56.000 metros cadrados o parque industrial de Camba, no municipio lugués de Xove. Este luns, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo un encontro con empresarios do concello da comarca da Mariña para analizar a situación do proxecto que pretende liquidar os problemas de espazo que presenta este polígono construído hai máis de 20 anos.
A iniciativa conta cun orzamento de 4,24 millóns de euros a través da empresa pública Xestur e planea incrementar en 56.000 metros cadrado o espazo do parque, onde tamén se remodelarán os accesos e outros servizos. Durante o encontro, segundo recolle un comunicado da Xunta, a vicepresidenta segunda remarcou que a comarca mariñá presenta “pouco chan dispoñible” para iniciativas empresariais. Alí, convidou aos empresarios da zona a achegar suxestións para a súa posible incorporación ao proxecto, tramitado ao amparo da lei de áres empresariais.