InicioCentralLourenzáLourenzá acolle un curso sobre Fernández del Riego desde este luns até...

Lourenzá acolle un curso sobre Fernández del Riego desde este luns até o mércores día 6

As xornadas, que forman parte da oferta de cursos de verán da universidade compostelá, desenvolveranse en Lourenzá, vila natal do homenaxeado nas Letras Galegas 2023.

Publicada o

- Advertisement -

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na inauguración do curso Francisco Fernández del Riego na cultura galega do século XX, impulsado pola Real Academia Galega (RAG), a Universidad de Santiago de Compostela (USC) e o Concello de Lourenzá co apoio da Xunta de Galicia, entre outras entidades. As xornadas, que forman parte da oferta de cursos de verán da universidade compostelá, desenvolveranse entre hoxe e o mércores 6 de setembro en Lourenzá, vila natal do homenaxeado nas Letras Galegas 2023.

No acto de apertura, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades saudou unha vez máis a boa acollida en Lourenzá, “punto de orixe e lugar emblemático que Del Riego sempre tivo en perspectiva na súa obra tan prolífica e importante para Galicia”. Ademais, quixo agradecer o labor da Academia e da Universidade de Santiago de Compostela, así como de todos os demais organismos e institucións implicadas neste proxecto.

Canda Valentín García tamén participaron na sesión inaugural o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, encargado de abrir o foro cunha conferencia sobre a vinculación de Del Riego coa institución que dirixe e Antonio López Díaz, reitor da USC, entre outros representantes institucionais. A xornada inaugural rematou co relatorio biográfico de María Dolores Villanueva Gesteira, autora de Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia (Galaxia, 2023) e colaboradora fundamental do homenaxeado nos seus últimos tres anos de vida.

Da súa formación á relación coa diáspora

A xornada continuará mañá pola mañá cun relatorio do historiador Justo Beramendi sobre os anos de formación política e intelectual de del Riego e seguirá coa mesa redonda Da República á resistencia, que contará co académico Lourenzo Fernández Prieto, o profesor da Universidade da Coruña Uxío Breogán e o investigador do Instituto da Lingua Galega (ILG) Pablo García Martínez. A mañá rematará coa conferencia do director da Sección de Historia da RAG, Ramón Villares, sobre a relación do homenaxeado coa diáspora galega.

Seguindo este fío condutor, o programa da tarde arrancará coa intervención do académico Xesús Alonso Montero, centrada na correspondencia entre Fernández del Riego e o artista Luis Seoane, e rematará cun percorrido didáctico polos lugares do autor en Lourenzá guiado polos seus biógrafos locais, Manuel Román e Xosé López González.

Xornada de clausura

A intensa actividade epistolar de Del Riego será tamén o punto de partida da xornada do mércores 6 cunha mesa redonda que contará coas achegas da profesora da USC Dolores Vilavedra, Henrique Monteagudo e a secretaria da Fundación Otero Pedrayo, Patricia Arias Chachero. Nesta, analizarán polo miúdo o valor das cartas que o autor intercambiou con Álvaro Cunqueiro, Ricardo Carballo Calero, Manuel Rodrigues Lapa e Ramón Otero Pedrayo.

A seguinte mesa redonda centrarase na relación entre a memoria, o ensaio e a paisaxe na obra de Del Riego e nela tomarán a palabra a académica de número María López Sández, a catedrática emérita da Universidade de Vigo Camiño Noia, o académico Ramón Nicolás e o director da Fundación Penzol, Xosé Manuel Soutullo.

O punto e final a tres días de xornadas porao unha terceira mesa redonda que, centrada na participación de del RIego na xeración Galaxia, contará coas contribucións do profesor de Filosofía da USC Xosé Luís Pastoriza, o investigador do Instituto da Lingua Galega Álex Alonso Nogueira e o catedrático da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...