InicioCentralBurelaBurela elabora o plan de mobilidade urbana sustentable para mellorar a accesibilidade

Burela elabora o plan de mobilidade urbana sustentable para mellorar a accesibilidade

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Burela está a elaborar o seu Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS), unha ferramenta estratéxica para mellorar os desprazamentos de vehículos e peóns no día a día do municipio.
Ademais, trátase dun documento imprescindible para a obtención de fondos europeos de mobilidade que melloren os desprazamentos internos nos núcleos de poboación e entre concellos próximos.


O PMUS é unha ferramenta estratéxica para planificar e para tomar decisións sobre a mobilidade no concello, buscando, entre todas e todos, maneiras de movernos a diario dunha forma máis sustentable e eficiente, tanto os vehículos como as persoas, con hábitos respectuosos co medio ambiente e que nos axuden a aforrar recursos”, explica a alcaldesa de Burela, Carmela López.


Ademais, o PMUS tratará de facer a vila máis accesible para todas as persoas reducindo barreiras arquitectónicas, mellorando a relación entre peóns e vehículos e facilitando o acceso aos transportes públicos.


Para conseguir os obxectivos do PMUS, un equipo técnico realiza desde o mes pasado estudos para analizar os desprazamentos a pé, en bicicleta, en vehículo privado ou no transporte público; e o modo en que os veciños utilizan os espazos públicos (as rúas, as prazas, as zonas verdes, etc).


Analizaranse tamén a ocupación dos aparcadoiros, os problemas de seguridade viaria e a configuración das rúas, para detectar as carencias na accesibilidade ou os problemas que conducen á degradación ambiental.


Enquisa veciñal


Ademais das análises técnicas, o Concello de Burela solicita a colaboración da veciñanza para que aporte información e opinións que son vitais á hora de elaborar o PMUS. Pódese contribuír cubrindo a enquisa online en:
cognitoforms.com/PlanificacionTEC/MOBILIDADEBURELA


A enquisa permanecerá aberta durante os meses de setembro e outubro. Posteriormente terán lugar, ademais, distintos actos de participación e obradoiros nos que se recollerá a opinión da veciñanza, e que serán anunciados nos medios de comunicación e a través das redes sociais do concello.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...