O portavoz de Infraestruturas do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, reclamou ao Ministerio de Transportes que finalice con carácter de urxencia a reparación da focha que o pasado mes de xaneiro obrigou a cortar a circulación da estrada N-642, á altura da praia de Areoura, entre as localidades de Foz e Burela.
Con este obxectivo, tal e como informou o PP nun comunicado, o deputado rexistrou unha iniciativa no Parlamento de Galicia na que pide ao Goberno central que “abandone a súa pasividade” e garanta, o máis axiña posible, a recuperación da circulación, en condicións de normalidade, viabilidade e seguridade.
Segundo indicou, ata o momento, todos os que circulan por ese punto deben convivir coa incomodidade dunhas obras que se prolongan no tempo. “A falta de avance nos traballos de restauración da vía é máis patente para os que circulan nesa zona, unha circunstancia que foi aínda máis evidente durante o verán e, en especial, nestas primeira semanas de setembro”, indicou.
O parlamentario popular asegurou que “cidadanía e empresas non deixan de reclamar axilidade nas obras, petición fronte á que o Ministerio fai oídos xordos”. Así mesmo, sostivo que o propio ministerio “recoñece” que a magnitude dos traballos pendentes “segue sendo moi relevante” e que “iso lles levou a incumprir, un tras outro, os prazos de finalización que ofreceron”.
“Aínda quedan por construír novos rexistros, reparar os colectores de drenaxe, reconstruír os terrapléns, tapar a escavación realizada e repor o tramo de circulación, actuacións que aínda levarán meses e que superarán, con moito, o último prazo fixado para a conclusión das obras neste mes de setembro“, indicou.
UN ITINERARIO SEN ALTERNATIVA
Balseiro subliñou que a estrada N-642 é unha “vía estratéxica e vertebral” para a comunicación dos concellos da costa da Mariña lucense e do norte da provincia de Lugo no seu conxunto e que, tal e como se evidenciou durante o tempo que estivo pechada, “non dispón dunha alternativa dunha alternativa de circulación viable, o que fai que soporte unha gran carga de circulación”.
“O Ministerio tampouco fai nada por impulsar a autovía paralela, a A-74, que a día de hoxe non ten un só quilómetro construído, nin en execución, nin licitado e está practicamente desaparecida dos Orzamentos xerais do Estado”, explicou.
Para o deputado, todo isto leva a concluír que tanto a Mariña como o conxunto da provincia están a ser “moi prexudicadas” polo “desinterese e pola falta de compromiso” do actual Goberno de España e tamén pola “falta de investimento, tanto no que respecta ao mantemento das estradas nacionais e autovía como á hora de executar unhas novas infraestruturas ou reparacións”.