-Como naceu o proxecto ‘Grande Amore’?
Un pouco por casualidade e tamén en parte foi algo buscado. Levaba temo tocando en grupos cando vivía en Burela e despois en Santiago. Logo veu unha época xusto antes da COVID, cando quixen comezar a gravar cancións en solitario, por tanto naceu como un proxecto máis de todos cantos tiven. Non tiña claro cal sería o estilo, nin como facelo, só que me apetecía gravar algo eu só.
-Por que ese nome ‘Grande Amore’?
Sempre me custou buscar nomes. Ás veces poño algún como brincadeira e logo dunha semana xa non teñen sentido. Mais desta volta, unha vez nun restaurante de Santiago vin un home que levaba unha camisola coas palabras “Grande Amore”. Pareceume nome de grupo e pensei que ao mellor xa existía un grupo chamado así. Mirei na rede e vin que non, aí foi cando dixen: “para adiante”.
-E non sabes de onde vén esa expresión?
Se che digo a verdade, non teño nin idea.
-O estilo non parece dos que se teñan explorado moito en Galicia, teño esa impresión.
O certo é que sempre escoito música pouco convencional, grupos que logo acaban por gustarme. Logo intento reproducir na miña música os meus gustos musicais. Houbo xente que comezou con estilos coma o punk e logo acabaron con outras sonoridades. ‘Radio Océano’ ou ‘Nicho Varullo’ son unha mostra da grande variedade de grupos que houbo sempre en Galicia. Se son sincero, o son que ofrezo non é algo moi premeditado.
-Entendo que falamos dun estilo persoal, mais como describres o “estilo persoal” de ‘Grande Amore’?
Ao final pois si que é algo persoal mais non esquezo as influencias e estilos que escoitei sempre, coma o punk, post-punk ou música industrial dos 80 e ao final, algo diso si teño nos meus traballos. Por iso digo que é doado introducir aqueles sons máis familiares para min e por tanto non é casual que escoite rock en vez de música electrónica como tal.
-Como convenciches a toda a xente que aparece no vídeo ‘Pelea’ para estar alí, verte entrar en plan buscando lea, porque aínda que parecían estáticos a cousa foise quentando.
Si, si, a cousa anímase despois. Entre as persoas que aparecen había familiares que, digamos por amor familiar, véñenche igual e tamén veñen por Xaime Miranda, o director do vídeo, e el e o seu pai, Manolo Miranda, coñecen moita xente de Rio Cobo. Ao final, moitas das persoas alí presentes non tiñan idea de por que estaban. Despois ves como esas persoas cando ven a entrada é cando quedan como con cara de “isto que é?”. Foi menos traumático do que sería.
-Que querías demostrar co vídeo?
Non era tanto demostrar algo senón deixar ver unha idea que nos gustaba. Moitas veces detrás dun vídeo parece haber algunha idea profunda, mais nós facemos videos con ideas que nos divirten. Por iso cando dixeron “que divertido sería verte nun lugar de comidas e a xente dándoche”. Eu só dixen “veña, para adiante”. A filosofía era que a Xaime lle parecía divertido ver como me batían.
-Cal é a importancia dun vídeo clip en canto vía para mostrar o teu traballo?
Desde hai anos que se democratizou o acceso á produción dos vídeos estes dan presenza aos traballos dos músicos. Si creo que agora non teñen tanto peso como tiñan hai anos atrás, ao final ponlle imaxe a palabras e ideas. Recoñezo que non lle poño tanta énfase como si fai outra xente.
-Como se consegue manter a túa pegada, a túa personalidade, a de ‘Grande Amore’ artística dentro dun abano tan amplo de artistas e falo só da música en galego?
Ao final sempre intento facer música que se pareza moito á que me gusta, me motiva e nese sentido non estou pensando todo o día en como manter a miña presenza. Agora mesmo fago o que máis me motiva, pois ao final son cancións que no mellor dos casos son temas para defender diante do público varias veces, pois o mellor é que sintas un vínculo con elas. É ser fiel ao que che pide o corpo e o corazón.
-Entendo que ‘Grande Amore’ é un proxecto persoal, mais quen colaborou contigo durante este tempo?
En calquera proxecto musical, por moi solista que sexa, é necesario o aporte de moita xente. O selo co que estou, Erni Records, ten a Josiño que leva o tema de contratación, Rocío con RRSS, Celia cos deseños, sobre o deseño dos meus discos traballa un rapaz chamado Pol, así pois detrás de cada canción hai un grupo amplo de persoas aportando. Se os vídeos non tivesen estas aportacións o proxecto non sería o que é. E agora, o que é o grupo en directo, estamos Clara, María e eu. Elas son amigas miñas, María toca o teclado e lanza as bases, Clara toca a guitarra, eu tamén toco a guitarra en directo e xa levamos medio ano con esta formación en directo.