Hoxe rematou o obradoiro de emprego Vilas Coidadoras. Durante 12 meses vinte persoas de Ribadeo e de Barreiros recibiron formación en dúas especialidades. O alcalde, Dani Vega, subliñou que “seguiremos apostando polos obradoiros de emprego apegados á realidade”.
O rexedor contou que “remataron 12 meses de traballo e de formación. Vinte alumnos estiveron formándose, porque desde os Concellos de Ribadeo e de Barreiros estamos empeñados en que a formación é clave para lograr a empregabilidade, para ese emprego de calidade e nosoutros seguiremos apostando polos obradoiros de emprego”.
En Vilas Coidadoras participaron vinte persoas, 10 por cada especialidade, Dinamización, Programación e Desenvolvemento de Actividades Culturais e Atención Sociosanitaria para Persoas Dependentes en Institucións Sociais.
Dani Vega sinalou que “os Concellos de Ribadeo e de Barreiros cremos que apostar polos obradoiros de emprego que teñan unha saída laboral é o futuro. Vamos seguir apostando polos obradoiros pegados á realidade, pegados ao tecido económico e social, pegados aos sectores estratéxicos claves nos municipios. É dicir obradoiros reais e pensando nesas familias profesionais que teñen grandes carencias de traballadores, falamos de electricistas, de carpinteiros… de tantas familias profesionais que hoxe teñen moita dificultade para atopar man de obra e desde logo os obradoiros teñen que ser reais, non pensando desde un punto de vista utópico, senón na realidade que estamos a vivir no día a día”.
Para o alcalde de Ribadeo “investir 553.000 euros en formación é garantirlle a moitas persoas unha saída laboral e unha saída para que estes concellos teñan futuro”.