InicioOrientalBarreirosRamón Casas: "A obra 'Pan con Chocolate' é unha maneira de recuperación...

Ramón Casas: “A obra ‘Pan con Chocolate’ é unha maneira de recuperación da memoria histórica”

O Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros prepara a obra "Pan con chocolate" como un percorrido pola memoria histórica do lugar da man dun grupo de persoas que se acaban de xubilar. Ramón Casas é o director desta peza de teatro e con el falamos sobre a mesma e do Colectivo Cultural Ollomao.

Publicada o

- Advertisement -

-Cales foron as orixes do Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros?

Este colectivo cultural formouse en 2006 porque daquela en Barreiros culturalmente non había moita cousa. Un grupo de rapaces e rapazas moi novos, viron a necesidade de dinamizar a vida cultural do concello. A partir de aí comezaron a facer actividades de todo tipo, sempre relacionadas coa cultura e nomeadamente coa galega, a comarcal e a local. Así, fóronse sumando unha ampla diversidade de actividades como a recuperación dos ríos e a recuperación da memoria, entre outras máis.

-Destaca elementos recuperados.

Sobre todo de memoria histórica. Sobre xogos tivemos unha época moi interesante cando organizamos un festival chamado “O Son do Masma”. Dentro desta acción si que metiamos unha cantidade de xogos en colaboración co Colectivo de Xogos Tradicionais de Muimenta (Xotramu). Como actividades tamén destacadas podemos falar da Universidade Popular de Barreiros que tivo dúas edicións, o festival “O Son do Masma”, as Xornadas de Historia Local, con certames fotográficos e moitas cousas que se foron facendo. Entre 2013 e 2014 foi moi importante a creación do grupo de teatrol Ollomao que hoxe en día é case o “buque insignia” do Colectivo. O grupo de teatro creouse para celebrar o corenta aniversario da representación de “Os Vellos non Deben de Namorarse” en San Miguel de Reinante. A partir de aí houbo un grupo de xente que continuamos co grupo de teatro.

-Arredor da memoria histórica que actos se celebraron?

Sei que se celebraron algunhas xornadas arredor da Guerra Civil e das persoas represaliadas no Concello de Barreiros. Houbera unha palestra de Carlos Nuevo, entre outros. Esas foron das primeiras cousas que se fixeron. Á parte, houbera xornadas sobre a pesca do salmón no río Masma, tamén xornadas sobre os colexios de indianos, porque aquí na zona de Barreiros hai varios colexios creados por indianos, estas actividades estiveron incluídas nun ciclo chamado “Educar no Rural”.

-Sobre o festival “O Son do Masma”, xa non se celebra?

Este festival tivo tres ou catro edicións, logo deixouse de facer por cuestións económicas e unha repercusión escasa fronte ao investimento e traballo que necesitaba, ao mellor polas datas, pois montabámolo no verán, época chea de actividades en todas partes. Era un festival de música popular e con actividades durante todo o día como os xogos populares, teatro, contacontos e monicreques. Logo pola noite pechábase cun festival de tres ou catro bandas. Todo iso “ao son” do río Masma en Celeiro de Mariñaos. Aínda así, seguimos celebrando unha carreira popular que leva o nome do festival e que celebramos no mes de novembro e facemos dentro do circuíto de carreiras que hai dentro do Concello de Barreiros.

-Falemos un pouco da obra “Pan con Chocolate”.

Xa digo que desde o 2014 levamos facendo cousas. “Pan con Chocolate” vai ser a sexta produción do grupo e, en certo sentido, é unha obra de recuperación da memoria histórica dunha maneira amable e cómica. Mais si estamos falando do que pasou aquí durante os 60 e 70 do século pasado. É a historia de tres nenos e tres nenas que se xubilaron agora, en 2023, e fan unha xuntanza para celebrar a xubilación. Este momento aprovéitano para falar da súa infancia, con sete, oito, nove ou dez anos. Durante o encontro comezan a saír as historias das persoas que emigraban, as historias de aldeas sobre fillos e fillas de nais solteiras e a discriminación arredor deles. Van falando dese mundo de descubrimentos que contaban uns aos outros, case sempre sobre a sexualidade e non da maneira máis axeitada. Logo falan das persoas que escaparon ao monte durante o franquismo, aí temos o texto “A Tola do Monte” e por último, unha visión de como a igrexa se entremetía na vida da xente naqueles tempos. Todo isto desde unha perspectiva cómica mais cun gusto ácedo.

-Recolleron historias reais para crear o texto?

Hai de todo. É unha creación do grupo mais partindo de textos literarios e mesmo informacións orais que nos chegaron a través de persoas que as coñeceran. Tamén hai algo das “Memorias dun neno labrego” de Neira Vilas, pois o nome dalgún dos personaxes é Balbino, Moncho e Lelo que é como unha homenaxe ao libro. Tamén recollemos estractos de “El Camino” de Delibes, onde os nenos fan descubrimentos nesa obra e aparece algo de “Cousas” de Castelao. É unha reunión de textos aos que lle demos forma teatral e a isto sumamos esas historias orais recollidas en Barreiros, como “A tola do Monte”.

-“Pan con chocolate” vaise representar só en Barreiros ou xirarán con ela?

Primeiramente estreamos en Barreiros e logo xiramos coas obras. Coas dúas últimas pasamos das trinta representacións. Con esta esperamos que sexa o mesmo e tamén con outra obra que estamos montando e estrearemos en outubro. Logo si nos movemos por Galicia e tamén temos apalabradas representacións en Asturias.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...