Acisa anima ás empresas locais a adherirse ao Bono Activa Comercio da Xunta e á campaña das Panchas do Concello de Ribadeo. A patronal ofrece asesoramento e apoio a todos os negocios que así o precisen así como os clientes.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “tal e como vimos facendo sempre dende Acisa Ribadeo, con motivo destas dúas novas edicións tanto das Panchas como do Bono Activa Comercio, actuamos como entidade colaboradora e polo tanto prestaremos apoio e asesoramento tanto a empresas como a particulares nos procesos de adhesión dos negocios, na descarga e tamén no uso dos bonos por parte dos clientes. Para elo calquera interesado poderá pasar polas oficinas de Acisa ou ben poñerse en contacto con nos mediante chamada de telefono ou enviando un correo electrónico a info@acisaribadeo.es”.
Pérez Prada subliñou que “son dúas importantes actividades das que os nosos negocios poden beneficiarse, por iso creemos que é importante que todos se animen e adhiran a ambas campañas, que o que perseguen é a dinamización da economía local. Na das Panchas, organizada polo Concello de Ribadeo, o Concello aporta 10 euros por cada 30 para consumir nos negocios locais. É dicir por 30 euros conséguense 40 Panchas. E a Xunta de Galicia aporta 5, 10 ou 15 euros dependendo do importe da compra no caso do Bono Activa. Podemos estar a falar que nun tícket de compra media un veciño ou visitante que veña mercar a Ribadeo pode conseguir aforrar en torno a un 20%”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, indicou que “é importante que os negocios locais se adhiran á campaña das Panchas do Concello de Ribadeo e ao Bono Activa Comercio da Xunta. O aforro do que se beneficia o cliente non afecta ao comercio coma un desconto, é dicir non lle supón cobrar menos. Ambas partes saen beneficiadas: o cliente gasta menos por compra e o comercio ingresa o mesmo. O cliente sae contento pola compra feita e o negocio pode fidelizar nova clientela”.
Cruzado Iglesias dixo que “as socias e os socios de Acisa Ribadeo contan desde o primeiro dia no seu mail con toda a información sobre estas campañas, pero nesta ocasión coma nas pasadas edicións o noso asesoramento e apoio será para todo o empresariado que o necesite e para toda a súa clientela. A cantos máis chegue a información e o noso apoio mais contribuiremos ao éxito no desenvolvemento destas accións”.
Presidenta e xerente de Acisa aproveitaron a ocasión para lembrarlle á veciñanza e aos visitantes que “Ribadeo é o mellor lugar para desfrutar destas campañas, xa que o noso comercio é un referente en toda a contorna tanto na Mariña como no Occidente asturiano. Aquí contamos con tendas de moda, complementos, electrónica, regalo e ademais dunha grande variedade de bares, mesóns e restaurantes nos que poder saborear o mellor da nosa gastronomía. Calquera momento é bo para vir a Ribadeo, pero tendo o aliciente de contar con eses descontos o outono pode ser a escusa perfecta”.