O Concello de Cervo sumouse á XII limpeza simultánea de praias, promovida por ADEGA, para este venres, 6 de outubro.
A actividade de voluntariado ambiental estivo coordinada pola tenente alcalde e edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, e polo concelleiro de Deportes, David Rodríguez, e contou coa particación activa de máis de cen mozos e mozas estudantes do CEIP Península da Paz e do IES Marqués de Sargadelos que fixeron unha limpeza das praias de Cubelas e da Caosa durante esta mañá.
Méndez quixo agradecer a disposición e a colaboración da comunidade educativa para poder desenvolver este tipo de actividades “polas que apostamos continuamente desde o Concello, porque son pequenos pero importantes xestos para concienciarnos sobre a importancia de manter o noso medio natural nas mellores condicións, para poder desfrutar dunha natureza libre de residuos, sentíndonos así partícipes do coidado das nosas praias, ao tempo que poñemos tamén o foco sobre a grave problemática dos lixos mariños”.