O Concello leva adiante unha campaña de desratización na zona vella de Ribadeo e tamén en Rinlo. O alcalde, Dani Vega, asegurou que hai un problema importante de roedores que hai que erradicar.
O rexedor dixo: “seguimos traballando e mellorando o Ribadeo que queremos todos. Neste caso estamos actuando tanto na zona vella de Ribadeo como en Rinlo desratizando. Hai un problema importante de roedores, de ratas, e debemos poñerlle solución. Así nolo trasladaron os veciños, tanto de Rinlo como da zona vella, e nosoutros actuamos de urxencia”.
Vega subliñou que “neste momento se está a actuar por todas as rúas e iremos vendo os resultados nos vindeiros días”.
O alcalde anunciou unha campaña de limpeza profunda nas rúas desas dúas zonas: “tamén cremos que é bo facer unha limpeza profunda tanto na zona vella como en Rinlo. Estes traballos comezarán cando rematemos esta desratización. Imos actuar limpando e mellorando puntos turísticos e tamén puntos onde viven moitas persoas que se queixan de que certamente nos últimos anos estaban un pouco abandonadas. As rúas deben ser sometidas a unha limpeza importante e despois a unha conservación. Non é limpar e esquecernos de volver. Hai que actuar constantemente”.
Dani Vega engadiu que “pouquiño a pouco imos mellorando o Ribadeo que queremos todos e entre todos o estamos a facer”.