Esta fin de semana estréase en Ribadeo a película O home e o can, de Ángel de la Cruz. O domingo, tras a proxección, haberá un coloquio co director e coa actriz barreirense Estíbaliz Veiga.
O alcalde, Dani Vega, declarou que “temos unha moi boa nova, O home e o can estréase en Ribadeo. É unha produción de Ézaro Films dirixida por Álgel de la Cruz. Este director sabemos todos que xa puxo a Ribadeo no panorama do cine con Os mortos van á presa, película rodada na vila mariñeira de Rinlo”.
O rexedor contou que “neste caso trátase dunha longametraxe, que conta un drama real sen adornos. Esta película vaise estrear en Ribadeo, en ningunha outra vila da provincia, so en Ribadeo e logo nas grandes cidades como por exemplo A Coruña ou Vigo”.
Vega subliñou que “Ribadeo será unha desas 21 salas que ofrecerá a película esta fin de semana poñendo a nosa vila á altura das grandes cidades de Galicia. Estades convocados todos o domingo ás 20:30 horas no Cine Ribadeo, unha boa nova coa que o Concello quere colaborar, potenciando a cultura e o cine en galego”.
A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, explicou que “a película está interpretada por Manquiña, Paula Chaves e Estíbaliz Veiga, foi gravada integramente en galego e en branco e negro conta a historia de Manuel, un home sinxelo que se expresa con dificultade e vive so nunha aldea. A enfermidade do seu can obrígao a viaxar á cidade e aí atopa a Paula, que foxe dun fogar desestruturado. Son dúas personaxes, que aínda que parecen antagónicas converteranse en amigos”.
A edil ribadense engadiu que “o domingo, 22 de outubro, acompañarannos na proxección Ángel de la Cruz e Estíbaliz Veiga, que compartirán co público un coloquio ao remate da proxección. Anímovos a todos a acudir ao cine. Poucas veces podemos compartir un film co seu director e contrastar ideas e sensacións. E tamén teremos photocall”.