O parque de bombeiros do municipio lugués de Barreiros permanece pechado desde o mediodía deste xoves e non retomará a súa actividade ata as 09,00 horas do venres ante a ausencia de efectivos para conformar a quenda.
Diso informou a Deputación de Lugo, responsable do consorcio provincial de bombeiros, que sinala nun comunicado que dos catro traballadores da quenda deste xoves “non se incorporaron dous”.
Segundo o goberno provincial, p xefe do parque completou o cadro para contar con tres efectivos, pero un deles “tivo que ausentarse por motivos persoais” durante a tarde, polo que as instalacións foron pechadas ás 15,30 horas e non reabrirán ata o comezo da seguinte quenda, ás 09,00 horas do venres.
Deste xeito, a cobertura de incidencias da área do parque de Barreiros serán atendidas durante este tempo polo parque de bombeiros de Viveiro ou o de Vilalba “en función do tempo de resposta”.