Ribadeo ven de poñer en marcha un novo servizo para a súa veciñanza: a biblioteca rural de Cinxe. O acto de inauguración, na antiga escola desta parroquia, contou coa presenza da concelleira de Facenda, Cultura, Educación e Igualdade, Begoña Sanjurjo.
Esta nova biblioteca conta cun fondo de 1000 libros reunidos grazas a doazóns veciñais e á adquisición de novos exemplares realizada polo Concello de Ribadeo. Novelas, relatos, libros de poesía, teatro, autoaxuda, cómic, literatura infantil, xuvenil, adolescente, primeiros lectores, historia, política e libros en inglés, que se reparten nos andeis que ocupan unha das paredes da escola, que está equipada cun ordenador para facilitar a súa xestión.
No acto de inauguración a edil ribadense manifestou que “o obxectivo principal deste proxecto é facilitar aos veciños e veciñas de Cinxe o acceso á información, á cultura e á formación permanente, poñendo á súa disposición esta colección organizada de materiais bibliográficos. Esperamos e desexamos que este lugar, idóneo para consultar, ler, estudar e descubrir coñecementos, se converta nun motor dinamizador da actividade sociocultural desta parroquia”.
Begoña Sanjurjo dixo que “as bibliotecas, pequenas ou grandes, son moito máis que libros. Son espazos vivos, e especialmente no medio rural, son un servizo social e cultural básico, un espazo de reunión. Xerar unha dinámica cultural é importante, e de aí o papel que xoga este proxecto que se continuará nos próximos meses coa instalación de novas bibliotecas noutras parroquias do noso concello”.
A concelleira de Educación e Cultural felicitou aos alumnos/traballadores da especialidade de Dinamización, Programación e Desenvolvemento de Accións Culturais do Obradoiro de emprego Tecendo Coidados “polo traballo na selección, clasificación e organización da biblioteca así como polas numerosas iniciativas culturais de diversa índole que poñerán en marcha proximamente: sesións de contacontos, talleres de manualidades, clubs de lectura, exposicións, etc, que enriquecerán a vida cultural desta e de todas as demais parroquias de Ribadeo”.