InicioCentralMondoñedoManuel Pardo: "O obxectivo é darlle continuidade ao 'Breason' cun retorno positivo...

Manuel Pardo: “O obxectivo é darlle continuidade ao ‘Breason’ cun retorno positivo mais sen esquecer o festival”

Manuel Pardo forma parte da Asociación Xoldra que por segundo ano celebra o Breason en Mondoñedo. Desta volta, o cartaz de actuacións recolle nomes como Fillas de Cassandra, Los Rastreadores, Ruxe Ruxe e outros máis coa intención de darlle pulo a un encontro que pretende dinamizar toda a contorna mindoniense e máis alá. O desexo é ter un festival capaz de atraer público de diversos puntos da xeografía galega e de fóra.

Publicada o

- Advertisement -

-Como nace o ‘Breason’ e cales son as raíces do mesmo?

O ‘Breason’ nace o ano pasado con motivo do XXV aniversario da Asociación Xuvenil Xoldra e xa era algo que viñamos pensando desde tempo atrás. Entón cando cadraron os vinte e cinco anos pensamos “é o momento”. Queriamos comezar por algo máis simple e logo foise facendo unha bola de neve máis grande e co paso do tempo acabamos facendo algo que nin pesabamos nós, tiñamos a idea de algo máis sinxelo. Nesta edición e traballando cun ano de antelación, démoslle xeito ao que queriamos, iso si, con tempo abondo para organizalo. Sobre as raíces ou orixes do festival, pois un deles é a nosa afección por asistir a festivais. A partir de aí dixemos: “se é algo que nos gusta, pois por que non facelo?”. Desta maneira dinamizariamos a contorna, ofreceriamos novas orfertas culturais para a contorna como son os festivais, algo que non está moi estendido por esta área, pois parece máis unha cousa do Eixo Atlántico sobre todo no verán. Entón, buscabamos descentralizar tanto por área xeográfica como por época do ano esta maneira de ocio. Tamén entendemos que o ‘Breason’ é unha opción de ocio demandada polo público, algo vital para sacar adiante un proxecto como este.

-De onde sae o nome de ‘Breason’?

Mondoñedo antigamente tiña o nome de Val de Brea. De aí adaptamos o nome Brea para o festival máis o termo ‘son’, ‘Breason,’ e o certo foi que nos gustou.

-O cartel deste ano conta con grupos como Fillas de Cassandra, Catuxa Salom, Ruxe Ruxe, Los Rastreadores (Ortiga e Grande Amore) e Skarnivals. Como describirías este cartel?

Son uns artistas que encaixan ben dentro da atmosfera do ‘Breason’. Tamén debemos dicir que en Galicia existe un amplo abano de moi bos artistas. O que si temos moi claro é que, polo de agora, non nos afastaremos de artistas galegos pois consideramos que aquí hai abondo como para non termos que ir fóra.

-Esperades superar cifras do ano pasado?

O ano pasado acabamos satisfeitos e consideramos que tiñamos un cartel igualmente atractivo. Con todo, este ano ampliamos a dous grupos máis e temos a experiencia do ano pasado, que con moi pouco sacamos adiante un evento finalmente moi xeitoso. Preferimos ser un pouco conservadores, si temos a sensación de que este ano pode haber maior asistencia e que será máis recíproco o feeling coa xente. Se isto é así, esperamos duplicar cifras, aínda que preferimos ser prudentes sobre o número de asistentes. Aínda así, gustaríamos de ver á xente contenta e satisfeita co festival. Ademais, estamos moi contentos na organización por como a xente recibiu o cartel de grupos e coa colaboración da xente de Mondoñedo. Houbo persoas que se ofrecían para colaborar na organización e na montaxe. Alén diso, vemos que este festival xa vai tendo repercusión pois sabemos de xente que virá doutros lugares de lonxe atraídos sobre todo polo cartel deste ano.

-Con respecto ao ano pasado, cales son as novidades desta segunda edición?

A ubicación ía ser a mesma, mais polas cuestións climatolóxicas houbo que movela ao complexo deportivo municipal Viñas da Veiga. Ademais diso, houbo cambios en canto ás axudas externas que temos, tanto de institucións que nos apoian como son o Concello, a Xunta e a Deputación de Lugo, cos que estamos agradecidos e tamén coas empresas privadas que aportaron a súa axuda e colaboración, logo temos o apoio de asociacións e colectivos de Mondoñedo.

-Os concertos son gratuítos, aínda así, que retorno esperades ter?

Buscamos traballar en actividades populares e a prezos populares, ademais, somos unha asociación sen ánimo de lucro. Tampouco podemos hipotecarnos por moito que nos guste facer estas cousas. Con todo, direi que o retorno esperamos que nos dea para cubrir gastos e así que nos dea para continuar sacando adiante vindeiras edicións. O obxectivo é darlle continuidade ao ‘Breason’ cun retorno positivo mais sen esquecer o festival como obxectivo. Este ano facilitounos moito o labor termos comezado con tempo e cun traballo vital por parte dos colaboradores. A viabilidade é óptima, senón, non nos atreveriamos a facer cousas como esta. Sobre o económico, témolo da nosa man, pois somos nós, os socios, quen xestionamos a barra, os stands de comida e o merchandaising. Tampouco será unha catástrofe económica se non aparece tanta xente como a que esperamos. Primamos máis a satisfacción que poida levar a xente que as marxes económicas.

-Sendo unha asociación sen ánimo de lucro e levando un festival coma este, credes que pode ser unha maneira de animar a outras persoas a participar na vosa asociación?

Nós estamos abertos a toca canta xente desexe participar. Aínda que non o pareza, é necesaria moita máis colaboración. Tendo en conta as características do ‘Breason’, o seu ambiente popular para nós resulta atractivo, inclusivo grazas aos xogos populares e a cata de vermú, dúas actividades cun grande abano de idades, e inclusivo tamén porque se poden achegar amigos doutros lugares que poden botar unha man e crear o ambiente ideal. Iso é o mellor.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...