InicioCentralFozMarta Muíña: "A maioría das persoas que se achegan á Aula UNED...

Marta Muíña: “A maioría das persoas que se achegan á Aula UNED de Foz teñen as cousas claras”

Marta Muíña asume a responsabilidade da Aula UNED de Foz que abre a posibilidade de acceso a estudos universitarios e outras formacións a cidadáns da Mariña nesta parte da comarca. Marta Muiña releva a Fuensanta Otero no posto e trae debaixo do brazo ideas co apoio do Concello de Foz para animar a todos e a todas as que queiran entrar na Aula que manterá a matrícula aberta até o sete de novembro.

Publicada o

- Advertisement -

-Cales son os labores que vai desenvolver a aula da UNED en Foz durante este novo curso?

Primeiro, queremos seguir desenvolvendo o gande traballo feito por Fuensanta Otero de quen recollo a súa pegada despois de dezaoito anos fronte á aula da UNED en Foz, por tanto, o principal é continuar con ese labor tan eficiente destes últimos anos. Á parte de min, que acabo de chegar, tamén se estrea a persoa responsable da aula no Concello, Elena Martínez Pena. Despois de asumirmos os nosos postos, algúns decidimos abrir unha nova sección co nome ‘UNED Foz Mes a Mes’, unha sección que anunciará a programación para o outro mes permitindo a súa recepción a todos os públicos, así os anuncios da exposición como dos cursos chegarán ás persoas interesadas.

-Como anunciaredes as novas relacionadas con ‘UNED Foz Mes a Mes’?

Enviaremos notas de prensa, nas nosas redes sociais na aula @unedfoz de Instagram e tamén a través do Concello, pois as dúas institucións estamos traballando conxuntamente e por tanto os dous daremos información sobre isto. Por outra parte, aproveito para dicir que a matrícula está aberta até o sete de novembro para as persoas interesadas en matricularse.

-Todo isto implica un esforzo constante de comunicación.

Si, desde logo. Insisto que pretendo continuar o traballo feito por Fuensanta Otero durante todos estes anos. Debemos dar a coñecer todo canto se fai, que é moito, non grandes novidades, que as haberá no seu momento mentres avance o curso e serán publicitadas como se merecen. Realmente temos peticións de cursos para profesorado, novas metodoloxías innovadoras para ensinar linguas estranxeiras. Esta metodoloxía será presentada aquí en Foz pola súa autora. Despois do Nadal teremos a presentación do segundo poemario dunha autora focega. O certo é que hai moitas ideas e moita ilusión detrás de todo isto.

-Que actividades viñan ocupando a maior parte do traballo da aula e como se desenvolvían?

Primeiro, non podemos esquecer os estudos universitarios que se ofrecen na UNED. Nas instalacións hai unha persoa en horario de secretaría que fai un traballo de orientación e logo administrativa, ben para axudar na matrícula, na xestión de bolsas ou calquera orientación que poida necesitar o alumnado. Debemos ter en conta que o alumnado da UNED ten unhas características particulares, son persoas con particularidades moi diversas, por iso está aí esa persoa para a súa orientación. Á parte das carreiras, a Aula UNED Foz ofrece cursos de extensión universitaria e tamén actividades culturais como pode ser a exposición que comeza o día seis, dúas presentacións de libros escritos por dúas autoras focegas e outras actividades semellantes. Todo isto para achegar formación e cultura á veciñanza, que era a función inicial da Aula de Foz.

-Desde a vosa aula, cales son as materias máis demandadas?

O máis demandado é o Grao de Educación Infantil, de feito existe unha petición importante de cursos de extensión universitaria solicitados por este alumnado. Agora para o mes de novembro temos pensado incluír un curso de Disciplina Positiva, por tanto, a extensión universitaria vai unida ás peticións desa aula, non obstante, estamos abertos a canto nos poida requirir o alumnado e as persoas asistentes. Tamén tivo éxito o grao de psicoloxía durante moito tempo, de feito temos en marcha unha formación chamada ‘S.O.S Estoy en Crisis’. Será impartida por unha psicóloga colexiada focega, que comezou o 3 de outubro e remata o 4 de novembro. Isto é un exemplo desa formación que vemos necesaria para complementar os estudos académicos.

-Existe un perfil medio das persoas que pasan pola aula e logo deciden matricularse?

A maioría das persoas que se achegan á Aula xa teñen as cousas claras. Veñen confirmar o que eles estiveron esculcando a través da nosa web, pois hoxe en día é doado ter unha información de calidade. Aínda así, moitas veces necesitamos dese cara a cara, algo que por sorte temos na aula grazas á persoa que está alí. Con todo, cada perfil é diferente. Temos persoas novas sobre os trinta anos que no seu momento non puideron ou non quixeron facer unha carreira universitaria e agora retoman esas ganas e ilusións que tiñan no seu momento. Hai persoas máis maiores, traballando, que veñen con ganas de cambiar. O perfil, en definitiva, é moi amplo.

-Logo de matricularse, como é o desenvolmento académico da persoa?

Unha persoa que colla Educación Infantil non ten por que coller todas as materias do primeiro curso, senón que decidirá cales escolle. Dependendo da situación persoal, recoméndaselle comezar con poucas materias se é o caso. Cada materia ten unha guía onde vén descrito todo o sistema de avaliación e cualificación. A UNED tamén conta cun sistema de titoría. Os titores imparten unha hora semanal desa materia, ben na mesma aula da UNED, presencial en Lugo e outras sedes, mais teñen acceso online en directo e despois en diferido. Este sistema usámolo desde hai anos polo desexo de interacción directa co alumnado. Buscamos feedback entre alumno e titor quen logo fai de intermediario entre alumnado e o equipo docente en Madrid, quen redacta e fai os exames, por iso o titor é un mediador para resolver dúbidas. Imos moito máis ao concreto, porque a xente ten moito traballo individual.

-Ademais das titorías, existen outros métodos para evitar no posible que o alumnado non decaia e abandone os estudos?

O certo é que as RRSS permiten crear grupos e comunidades entre o alumnado, redes de convivencia que antes non eran posibles. Estamos falando de persoas que ao mellor non se coñecerán nunca pois falamos de persoas de toda España. A UNED ten un sistema informático moi potente, unhas plataformas moi intuitivas, doadas de usar, con foros para a participación do alumnado, contactar co equipo docente, hai foros onde só poden participar os alumnos, non poden participar os profesores, para min esas son as redes que realmente establecen unha comunidade, algo que ansían, pois tanto tempo preparando a materia cada un en solitario, é un momento que esperan. De feito, como titora, teño a experiencia de que os mesmos alumnos me axudan a descubrir novos lugares de encontro con outros grupos da UNED, falo de grupos de Telegram, webs onde eles mesmos crean simulacións dos tests en relación aos exames das materias, desta maneira, eles mesmos van alimentándose de novas ferramentas e estratexias moi potentes.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...