InicioCulturaEODitorial.com publica o quinto libro do poeta Pepe Suárez Jardón

EODitorial.com publica o quinto libro do poeta Pepe Suárez Jardón

Publicada o

- Advertisement -

O poeta existencialista natural de Tapia de Casariego (Asturias) e actualmente residente en Mendoza (Arxentina) Pepe Suárez Jardón acaba de publicar a súa última obra, titulada Poeta en la Ínsula Libertaria. É un libro de poesía editado pola empresa ribadense Eoditorial.com, que tamén reeditou dúas anteriores publicacións deste autor: Por el camín de Nayundes e La voz del silencio en su mirada.

Agora Pepe Suárez Jardón prepara o seu segundo libro de contos infantís en galego-asturiano (ou eonaviego), que se titulará Alredor do llume. Sobre a súa biografía, Pepe Suárez Jardón explica: “nacido en Matafoyada, na parroquia da Roda (Tapia de Casariego), fillo de pais campesiños. Desde o ano 2011 vivo en Mendoza (Arxentina), onde son profesor de Lingua e Literatura. O meu primeiro libro de poesía, Manos de viento, foi publicado en novembro do 2016 grazas á colaboración dun amigo, o escultor e pintor Roberto Barroso Chimeno (Tito), que fixo de mecenas para a súa edición. Neste libro de carácter existencialista abórdanse diferentes temáticas, en especial os temas sociais, aínda que tamén se dan nel poemas dedicados ao amor ou á natureza. No meu segundo libro, Por el camín de Nayundes, publicado no 2021 e escrito en fala eonaviega ou galego-asturiana, trátanse temas moi diversos nunha conxunción de estilos, desde sonetos, décimas, verso libre, etcétera. Aí aparece por primeira vez o poema en verso septicuarto, da miña invención, que consta de estrofas de rima consonante de oito versos alternos de heptasílabos e tetrasílabos (abababab). O terceiro libro, La voz del silencio en su mirada, é un poemario existencialista e representa un recompilatorio de poemas existenciais, con carácter filosófico. Hai un cuarto libro, un conto infantil en lingua galego-asturiana, Anía y loa homecos, gañador do segundo lugar dos Premios Quiastolita, do Parque Histórico do Navia, en Asturias. O quinto libro, Poeta en la ínsula Libertaria, publicado na actualidade, é un poemario de poesía existencial. Proximamente publicarase un libro de contos e relatos o galego asturiano, Alredor do llume, de temática que vira ao redor do xénero fantástico e marabilloso. Tamén colaborei e colaboro noutras publicacións, como no libro Historia de Candaosa-Lagar, da autora asturiana Ana Quintana, onde por primeira vez publícanse en eonaviego versos da miña autoría que enxalzan a paisaxe da conca do río Porcía, emblemático para min e para a miña obra. Administro un grupo literario en Facebook chamado La ínsula Libertaria, no cal participan escritores e artistas de todas as nacionalidades de fala española e portuguesa nunha interrelación moi estreita cos lectores; e tamén administro unha páxina co mesmo nome. Considérome un poeta existencialista en procura permanente da beleza e a liberdade que dela nace; somos libres na medida na que podemos soñar, sentir e pensar as nosas vidas sen a menor intervención posible do medio que nos condiciona”.


Eoditorial.com tamén publicou varios libros de xenealoxía e historia asturiana, o último un completo estudo sobre a orixe e liñaxe do apelido Meana, realizado polo estudoso catalán Jordi Mestre. E editou outras obras sobre heráldica e diversos temas, personaxes e autores asturianos e ribadenses. Para entrevistas con Pepe Suárez Jardón podedes contactar con el a través do correo electrónico pepesuarezjardon@gmail.com

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...