InicioEconomíaA Mancomunidade constitúe a Mesa da Calidade SICTED para a sustentabilidade turística

A Mancomunidade constitúe a Mesa da Calidade SICTED para a sustentabilidade turística

A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, sinalou que “nesta mesa acordouse elevar ao Comité de Distinción a proposta de concesión do distintivo SICTED ás 29 empresas e servizos turísticos da Mariña que estiveron involucrados activamente neste primeiro ciclo de implantación".

Publicada o

- Advertisement -

Na Mancomunidade quedou constituída nas últimas horas a Mesa de Calidade SICTED na Mariña Lucense. Trátase dun espazo de encontro público-privado do sector turístico. Vinte e nove empresas e servizos turísticos serán presentados ao Comité de Distinción no contexto da implantación do Sistema Integral de Calidade Turística na Mariña Lucense.

O pasado luns tivo lugar nas oficinas do Servizo de Turismo da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense a reunión de conformación da Mesa de Calidade do Sistema Integral de Calidade Turística na Mariña Lucense (SICTED), na que tamén se abordou a proposta das empresas e servizos turísticos distinguibles para presentar ao Comité de Distinción da Secretaría de Estado de Turismo (SETUR).

A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, contou que “a Mesa de Calidade é un órgano que xurde da implantación do SICTED na Mariña Lucense, posto en marcha no mes de marzo deste mesmo ano no contexto do Plan de Sostibilidade Turística, cofinanciado pola propia Mancomunidade, co apoio da Deputación de Lugo, pola Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.

López explicou que “este órgano, ademáis das funcións relacionadas co propio sistema como a proposta ao Comité de Distinción SETUR da concesión, renovación ou retirada de distintivos dos servizos turísticos participantes do destino SICTED ou a sensibilización sobre a mellora continua aos diferentes axentes do territorio, pretende ser un punto de encontro que permita artellar fórmulas de traballo e colaboración conxunta entre o sectores público e privado no camiño da mellora continua do destino”.

A Mesa de Calidade SICTED na Mariña Lucense quedou constituída con representación da Xunta de Galicia a través de Enrique Pérez Echevarría da Área de Calidade de Turismo de Galicia, da Deputación de Lugo con Francisco Cajoto, deputado de Recursos Sostibles e da propia Mancomunidade, como ente xestor SICTED, coa presenza de Rocío López e Ana Ermida como presidenta e vicepresidenta da Mancomunidade e da devandita Mesa. Pola súa parte, o sector privado conta con representación de todos os sectores participantes esta anualidade no SICTED: aloxamentos, restauración, oficinas de turismo, guías e museos.

A presidenta da Mancomunidade sinalou que “nesta mesa acordouse elevar ao Comité de Distinción a proposta de concesión do distintivo SICTED ás 29 empresas e servizos turísticos da Mariña que estiveron involucrados activamente neste primeiro ciclo de implantación. O número de participantes neste 2023 supera as expectativas inicialmente trazadas e evidencia a positiva acollida do programa, que conta cunha elevada participación de aloxamentos e que abarca practicamente toda a comarca. Estas empresas e servizos continuarían no 2024 no seu segundo ciclo SICTED traballando pola mellora dos seus negocios. E o obxectivo da Mancomunidade é medrar, incorporando un novo primeiro ciclo con sectores do turismo na Mariña como a artesanía, o aluguer de vehículos ou os taxis turísticos e mantendo tamén aqueles máis tradicionais cos que deu inicio o programa”.

Rocío López fixo un balance moi positivo de todo o proceso: “o balance que desde a Mancomunidade podemos facer deste encontro é moi positivo xa que deu lugar á conformación dun espazo formal de encontro público-privado, puxo en evidencia a vontade de mellora e traballo conxunto, e -polas aportacións realizadas- evidenciou a conexión entre os diversos actores do sistema turístico. Unha interacción que permitiría establecer sinerxias de colaboración, estimando solucións conxuntas aos retos e oportunidades que xorden nun contexto tan dinámico como o do turismo”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...