InicioCentralFozFran Cajoto: "Finalmente devolvemos á Areoura a súa paisaxe limpa"

Fran Cajoto: “Finalmente devolvemos á Areoura a súa paisaxe limpa”

Os nove chalés que quedaban en pé xunto á praia da Areoura en Foz foron derrubados logo de corenta anos de litixios. Nove casas individuais que conformaban o último elemento para eliminar unha desfeita paisaxística e legal. Primeiro derrubouse o esqueleto do hotel constuído sobre a praia e agora nove edificacións en ruína. A caída dun símbolo, dunha imaxe case icónica na costa luguesa entre Burela e Cangas visible desde a estrada nacional. Agora todo apunta, segundo o alcalde de Foz, Fran Cajoto, a que o espazo, propiedade privada, poida pasar a titularidade pública para convertelo nunha área de esparcemento.

Publicada o

- Advertisement -

-Primeiro derrubaron o esqueleto do hotel edificado sobre a mesma praia da Areoura, agora, moitos anos despois derruban os chalés unifamiliares que estaban a pé de costa. É como se caese un símbolo.

Si, un símbolo moi negativo. Deberiamos pensar en se houbo un cambio de mentalidade nas persoas sobre o concepto da normativa. Cando comezaron a construír estas edificiacións derrubadas foi nun tempo onde non se vía a liña de costa como un lugar de todos, para goce de todos e non para usos privados e particulares. Por outra parte, a paisaxe é un valor prioritario que debemos coidar. Froito destas reflexións creouse unha Lei de Costas que se comezou a aplicar cando aquí tiñamos unha urbanización e un hotel sobre a Areoura e que paralizou a súa construción. Finalmente podemos ver a resolución dun problema de corenta anos, de devolverlle á Areoura, a Cangas e a Foz unha visual da costa limpa eliminando un perigo que eran nove chalés en ruína.

-Catro décadas de litixios e procesos legais que acabaron no século XXI. Como describiría o percorrido que tivo todo o proceso até chegarmos á retirada da vista duns elementos que case eran como elementos fixos na paisaxe?

Certamente que foi unha viaxe longuísima. Eu sinalaría sobre todo esa duración no tempo. Fóra dos dereitos dos particulares e do seu interese por construír, algo lexítimo, e por outra parte do interese do Estado en protexer a liña de costa, está a duración dun conflito. Algo que non entende moita xente é que un litixio poida durar corenta anos, toda unha xeración de persoas recordamos esas estruturas aí. Por tanto, a primeira percepción é esa prolongación no tempo porque é imposible, non é lóxica nin cabe en ningunha cabeza, por tanto, debemos pensar que algo non está indo ben cando tardamos catro décadas en resolvelo. Por outra parte temos o alivio, despois de corenta anos por fin conseguimos derrubar as edificación para entrarmos na vindeira fase. Desde o Concello queremos recuperar ese espazo para uso e disfrute de todos, algo que demandaremos con insistencia ao Ministerio de Transición Ecolóxica.

-Estas construcións xa suporían un risco para as persoas que entrasen nelas despois de catro décadas coa súa estrutura a medio finalizar.

Por suposto, e tamén era un risco porque esta zona é o paso usado por moitas persoas para ir á Praia dos Alemáns porque debían atravesar a propiedade. Logo, insisto, a demora en derrubar un elemento en estado de ruína, á parte tamén do feismo desas estruturas e que daba por resultado un caso pensou eu, único en toda España, unha praia que levaba a bandeira azul e outra negra por ese feísmo arquitectónico que danaba un dos areais máis queridos para os veciños e veciñas de Cangas e Foz.

-De momento, despois do derrubamento, cales son os novos pasos?

Primeiro, temos unha sentenza cumprida que pedia tirar unhas construcións, recupérase a paisaxe mais a finca segue sendo dos seus propietarios. De cara ao futuro, queremos unha compra por parte da Administración pública mediante o procedemento da expropiación e que se realice desde o Ministerio. Despois, queremos a transformación deste terreo nunha área de esparcemento, con aparcadoiro e recuperar, en definitiva, este espazo para toda a veciñanza. Penso que este labor é realmente destacable, pois pasadas catro décadas soportando esas construcións nese lugar. Tamén é un feito de xustiza social recuperar ese lugar para termos unha finca con natureza xunto ao mar. Sabemos que é unha finca degradada despois de actual nela, daquela, o noso obxectivo é evidente, recuperala e termos unha zona de esparcemento.

-Con máis ou menos tempo, as administracións funcionan.

O dereito funciona, as administracións funcionan e cando deixamos que o sistema funcione, cando deixamos os exabruptos vemos que todo funciona. Agora mesmo non encontro ningún veciño de ningunha cor política, que non se felicite pola demolición destas construcións e se consiga pensar no ben común.

-Como naceu no seu momento a idea de construír esta urbanización?

Era unha urbanización privada construída nun chan onde había un conflito entre Concello e a Normativa de Costas e a construción veu da man dun promotor privado. Na mesma zona vemos outras construcións moi pegadas á costa. Realmente houbo un cambio na mentalidade das persoas, un cambio para ben. Moitas veces pensamos que os tempos pasados foron mellores, eu penso que non en referencia á defensa dos espazos naturais. Houbo un cambio de concepcións e ideas sobre este punto e aínda así houbo urbanizacións que saíron para adiante e outras non. Pensemos agora nos espazos construídos sobre as mesmas praias, pois non son un ataque á paisaxe e medioambiente senón que tamén é un atentado contra a seguridade. Os cambios de normativa fai que defendamos o patrimonio natural e aforrar recursos ás administracións.

-Cando se anunciou o derrube definitivo, a xente era escéptica?

Despois de corenta anos a xente era moi escéptica, mais cando xa viron todo tirado abaixo, a sensación foi de “por fin”. Tamén preguntaban “por que tanto tempo?”, mais o obxectivo está cumprido. Ademais, tamén conseguimos as expropiacións para as novas rotondas e non podemos quedar aí. Este é un paso para termos unha área de esparcemento. Tamén digo que a xente busca a normalidade, pactar e ver o ben común para conseguir cousas positivas para todos e todas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...