InicioM.ambiente e PatrimonioO atraso no saneamento da ría de Viveiro enfronta a BNG e...

O atraso no saneamento da ría de Viveiro enfronta a BNG e Concello

Sindicatos, asociacións e empresas apoian un manifesto dos nacionalistas no que se acusa de "pasividade" ao executivo local, que di que se lle piden "obras que non nos corresponden"

Publicada o

- Advertisement -

O saneamento da ría de Viveiro enfrontou este luns a goberno local e BNG despois de que o partido nacionalista rexistrase un manifesto apoiado por 29 colectivos no que acusa de “pasividade” ao executivo municipal, unha acusación que a alcaldesa, a socialista María Loureiro, rexeitou a través dun comunicado.

Asociacións veciñais, culturais e comerciais, clubs deportivos, sindicatos, representantes de Puerto de Celeiro ou patrón maior celeirés, entre outros, respaldaron a reivindicación do BNG viveirense, presentada no consistorio e ante a delegación de Mar da Xunta de Galicia en Celeiro.

O texto impulsado polos nacionalistas lamenta que a veciñanza e maila ría de Viveiro “padece desde hai máis de dúas décadas as constantes roturas do emisario submariño en múltiples tramos” e reparte responsabilidades entre o Executivo autonómico e o goberno local.

O manifesto lembra que “transcorreron dous anos desde a sinatura dun convenio entre a Xunta e o goberno de Viveiro por importe de tres millóns de euros, sen que ningunha das tres obras principais -construción dun novo bombeo con depósito de retención, optimización da EDAR e a execución dun novo emisario submariño– foran iniciadas”.

Así, o comunicado subliña que “a ría segue a ser un vertedoiro” e acusa á Xunta de “irresponsabilidade” e de facer “falsas promesas”. Ademais, censura a actitude do executivo municipal.

Xunta e Concello prefiren botar balóns fóra e culpabilizar o un ao outro en lugar de actuar con celeridade ante unha situación crítica”, argumenta o texto, que empraza ás administracións local e autonómica a “cumprir cos prazos prometidos e a deixar de xogar coa saúde e os postos de traballo da veciñanza”.

RESPOSTA

A alcaldesa de Viveiro defendeu a súa xestión a través dun comunicado no que asegura que o BNG impulsou un manifesto “que insta ao Concello a executar unhas obras que non nos corresponden” e no que interpreta “un interese partidista”.

Levamos anos denunciando esta situación ante as administracións implicadas, realizando as xestións oportunas para axilizar os trámites e instando á execución do convenio referido o antes posible”, asegura a rexedora, que sinala que “ninguén pode acusar ao Concello de pasividade”. 

Loureiro lembra que “mantivemos reunións con Augas de Galicia e cos responsables de Costas, tanto en Lugo como en Madrid, para coñecer de primeira man o estado da tramitación do expediente, que é complexo por estar implicadas tres administracións distintas”.

PROXECTO

A finais do pasado mes de outubro, Augas de Galicia comprometeuse a retirar a parte non soterrada do emisario de Viveiro para construír un novo, requisito demandado por Costas para conceder o permiso das obras de saneamento.

Augas de Galicia asegurou entón que a licitación deste proxecto podería realizarse nun prazo de seis meses.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...