O concelleiro do BNG, Eloi Cabanas, lamenta que os orzamentos de Mondoñedo aprobados o pasado xoves para o exercicio 2024 sigan a inercia negativa dos de anos anteriores, denota no goberno municipal unha falta de proxecto global a longo prazo para impulsar o desenvolvemento de Mondoñedo e considera que limitarse facer políticas de retención do gasto sen buscar novas fontes de financiamento para cubrir as necesidades básicas do concello resulta insuficiente.
Eloi Cabanas, critica que estes orzamentos sexan un rápido corta e pega dos de anos anteriores amosando con claridade un goberno sumido na “autocomplacencia”, escaso de ideas novas e proxectos de futuro para Mondoñedo.
O GOBERNO POPULAR NON RESOLVE AS PRINCIPAIS QUEIXAS DA VECIÑANZA
Segundo o BNG, estes orzamentos non van reverter as necesidades actuais de mellora e mantemento das infraestruturas e dos espazos públicos co actual cadro de persoal que se dispón neste momento no concello e pide que se atenda ás consideracións que se veñen reiterando ano tras ano nos informes de secretaría – intervención para que se actualice a RPT e se cubran as prazas vacantes detalladas no anexo de persoal.
O BNG, neste proxecto de orzamentos, bota en falta unha aposta clara e decidida pola inversión real financiada con recursos propios e nesta escasa marxe de manobra na que se sume o concello destacan que o anexo de inversións represente só un 0,78 % do total da proposta orzamentaria. “Agora se o concello quere consignar novo crédito en inversións terá que depender das transferencias de capital doutras administracións, das propias modificacións orzamentarias, respectando sempre o principio de equilibrio orzamentario, ou do remanente de tesourería”.
Os nacionalistas tamén botan en falta nestas contas as propostas que levan demandando durante anos no concello como a elaboración dun inventario de camiños públicos, o establecemento de liñas de axudas a asociacións en base a criterios obxectivos e transparentes a contemplación dunha partida económica para conceder axudas de libros de texto e material escolar dirixidas ao alumnado con dificultades económicas ou a ausencia de medidas concretas para unha maior protección do cemiterio vello municipal.
O BNG pregúntanse en que vai mellorar o concello de Mondoñedo ao remate do exercicio 2024 con respecto ao deste ano así que por todos estes motivos o sentido do voto do grupo municipal do BNG no concello foi o de rexeitar a proposta de orzamentos para o vindeiro ano.