Dúas persoas resultaron feridas tras ser atropeladas este martes nun paso de peóns na rúa de San Roque do municipio lucense de Ribadeo. Segundo trasladou o 112 Galicia, sobre as 12.30 horas un particular alertaba de que dúas persoas, unha delas en cadeira de rodas, foran atropeladas nun paso de peóns á altura do número 13 da rúa San Roque. Na súa comunicación aseguraba que se atopaban conscientes e totalmente liberadas.
Con esta información, os operadores do 112 deron aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Policía Local, aos Bombeiros de Barreiros e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade. Posteriormente, os servizos sanitarios confirmaron o traslado das dúas persoas feridas ao centro hospitalario de referencia.