Para a gran maioría das persoas, as picadas de carrachas pasan desapercibidas. Tamén para a ourolesa Olaya Louzao, ata que descubriu que este arácnido estaba detrás dunha alerxia á carne de animais mamíferos que a obrigou a cambiar a dieta e a ter sempre á man unha inxección de adrenalina.
As picaduras deste insecto fixeron que o seu organismo desenvolvese anticorpos contra a galactosa-alfa-1,3-galactosa (alfa-gal), un carbohidrato presente nas células da maioría dos mamíferos, pero non nos humanos. Como consecuencia, comer carne destas especies prodúcelle unha reacción alérxica.
O coñecido como síndrome de alfa-gal empezou a describirse recentemente, engadindo complexidade ao inabarcable mapa das alerxias.
“É un caso máis singular que incapacitante”, anticipa Louzao, veciña de Vilabuín, onde ten un obradoiro de cerámica. “Mesmo teño unha dieta máis saudable”, di. Cambiou a carne de vaca, porco ou cordeiro por peixe, polo ou pavo.
Os cadros como o seu teñen ocupado o debate en congresos e publicacións do ámbito da alergoloxía nos últimos anos.
PRIMEIROS SÍNTOMAS
A viaxe por ese camiño aínda pouco explorado comezou para ela con problemas dixestivos, hai uns tres anos.
“Naúseas, vómitos, cólicos. Intuía que podía ser a carne. Se non a comía, sentíame mellor. Baralláronse enfermidades dixestivas ou hepáticas, pero non era nada diso”, explica.
A chave para dar coa orixe do problema foi unha crise anafiláctica que sufriu hai dous anos. “Comín empanada e tomei ibuprofeno. Segundo me explicaron, a combinación foi o que desencadeou esa reacción. Urticaria, inchazón, dificultades para respirar. Foi un bo susto”, lembra.
DIAGNÓSTICO
“De Urxencias deriváronme a Alergoloxía (Hospital da Costa). O diagnóstico foi moi rápido. A doutora preguntoume se me picaran carrapatas algunha vez e, ao confirmarlle que si, ducias de veces!, fíxome a proba. Atinou á primeira”, explica Louzao.
“Teño que ter moito coidado co que como. Non se trata só de evitar tomar un trozo de carne, tamén calquera alimento procesado que teña algún ingrediente destes animais, aínda que sexa en cantidades mínimas. Algunhas golosinas, por exemplo. O meu grao de sensibilidade é bastante elevado“, comenta.
“A maior dificultade chega á hora de comer fóra. Tampouco podo tomar pratos cociñados en aceite no que antes se frixise carne destes animais”, engade.
EVITAR PICADAS
Controlada a dieta, a maior ameaza para a súa saúde de Olaya é outra picadura de carracha polo que trata de evitalas con repelentes como o aceite de árbore de té, un afeite imprescindible no seu neceser -“moi eficaz tamén para outro tipo de insectos”, engade a alfareira ourolesa-.
Outro contacto con este tipo de insectos podería desencadear outra crise anafiláctica polo que con ela vai tamén sempre unha inxección con adrenalina.
“Aquí (Vilabuín), convivimos a diario con animais, así que o risco existe“, comenta.
INDICACIÓNS XERAIS
A época de maior actividade das carrachas é entre maio e outubro, coincidindo coa maior exhuberancia da vexetación, pero poden picar todo o ano.
No caso de que isto suceda, unha guía editada polo Ministerio de Sanidade en 2016 aconsella retirala con pinzas de borde romo e desinfectar con povidona iodada e clorhexidina, e advirte contra métodos tradicionais como o algodón con alcol ou o aceite.