A Casa da Cultura do Vicedo acollerá este venres 29 de decembro ás seis da tarde o espectáculo ‘Astrolabios’. Unha actividade de divulgación científica a cargo da compañía Tarabela, que ofrecerá aos nenos e nenas maiores de 7 anos un espectáculo moi visual en torno á astronomía.
“Nesta sesión de contos imos facer un percorrido para coñecer o ceo dende as diferentes culturas, mitos e lendas da Terra. Grazas a elas saberemos onde queda o norte, aprenderemos sobre algún planeta, descubriremos como se di que se creou este no que vivimos nós. Entenderemos as fases da lúa, para que serviron no seu día os eclipses, que a Vía Láctea é en realidade o camiño das estrelas e que estas reúnense en constelacións que veremos co noso telescopio. Baixaremos a lúa do ceo, teremos o Sistema Solar completo nas mans e mesmo veremos nebulosas de preto.”