InicioOrientalRibadeoCarmen Cruzado: "A Pancha en 2023 tivo un retorno de máis de...

Carmen Cruzado: “A Pancha en 2023 tivo un retorno de máis de medio millón de euros”

Carme Cruzado é a presidenta de ACISA Ribadeo, entidade que reúne a comercios e negocios do Concello de Ribadeo para a defensa de intereses comúns. Como cada ano, ACISA colabora na Campaña das Panchas, un feito que está traendo bos resultados para a economía ribadense. Cruzado describe algúns puntos da edición de 2023.

Publicada o

- Advertisement -

-Como colabora ACISA na campaña das panchas?
A colaboración de Acisa co Concello de Ribadeo nesta campaña consiste no asesoramento e resolución de dúbidas tanto a empresas como a particulares. Á asociación chegan consultas relativas, por exemplo, á inscrición e funcionamento no caso dos negocios asociados; e no tocante aos particulares o que máis solicitan é axuda para poder baixar a aplicación e información sobre como poder empregala.


-Como funciona este sistema: o intercambio de diñeiro por panchas?
O Concello puxo en circulación o pasado 15 de outubro 200.000 panchas, que xa se esgotaron hai días. Por cada 30 euros unha persoa recibe 40 panchas para gastar no comercio, na hostalería ou nos servizos. Esa diferenza, eses 10 euros, son a achega do Concello de Ribadeo. Ti tes a aplicación das panchas no teu móbil, cargas o teu panchapeto e abonas as túas compras desde aí.

-Cal é o beneficio ou como se beneficia o comercio de Ribadeo desta campaña?
Os máis de 100 negocios inscritos na campaña da Pancha nesta quinta edición benefícianse polo movemento rexistrado. É un impulso moi importante para a economía local entre o 15 de outubro e o 31 de decembro. Hai moita xente que aproveita as Panchas para facer as compras de tempada coa moeda local: o calzado ou roupa de outono inverno, cambios na decoración das casas como alfombras ou cortinas, roupa deportiva e tamén agora neste último treito do ano empréganas para mercar os agasallos de Nadal.

-Como se poden consultar os datos cos resultados que dá esta campaña á economía local de Ribadeo?
A edición deste 2023 tivo un retorno de máis de medio millón de euros para o comercio e a hostalería, segundo os datos que manexa o Concello de Ribadeo e que facilitaba aos medios esta mesma semana o alcalde, Daniel Vega. O sentir que chega a Acisa é que a pancha xera movemento comercial e económico en Ribadeo e iso é o importante. Desta campaña benefícianse a clientela e os negocios locais.

-Cal é a valoración que se fai desde ACISA sobre a afirmación do alcalde Daniel Vega: A Pancha é un éxito no comercio de Galicia e un referente?
Que a campaña da Pancha é un éxito vén acreditado porque as 200.000 panchas que o Concello puxo en circulación esgotáronse e porque a xente as empregou nos negocios locais, amosando deste xeito o seu apoio e a súa fidelidade ao comercio, á hostalería e aos servizos da nosa vila. Ribadeo é un referente por esta campaña, como tamén é un referente comercial e turístico tanto en Galicia como no resto do Estado durante todo o ano.

-Nunhas palabras túas apúntase que o comercio local ten algo que non teñen as grandes plataformas de reparto: que é iso que ten o comercio local?
A proximidade, o trato e o asesoramento personalizado que nos ofrecen os negocios locais. A posibilidade de ver, de tocar e de probar o produto (roupa, calzado, complementos, etc… ) no momento. Nos negocios locais traballan as nosas veciñas e veciños, tanto de Ribadeo, como doutras vilas da contorna. O comercio, a hostalería, os servizos xeran moitos empregos en Ribadeo. Si apoiamos ao sector estamos apoiando tamén o mantemento dos postos de traballo. Debemos respaldar ao tecido empresarial ribadense como desde as empresas se colabora e se axuda para que moitos eventos deportivos, culturais, sociais e de ocio se poidan levar a cabo. Un pobo facémolo entre todas e todos. Canto máis nos apoiemos e nos axudemos mellor nos irá.

-Existe xa algunha idea sobre a mesa para a campaña do ano que vén?
De momento toca acabar hoxe esta campaña. E despois o Concello de Ribadeo terá que valorar e analizar. Desde Acisa consideramos que se trata dunha campaña moi importante para os negocios locais e para a súa clientela e estamos dispostos a seguir colaborando.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...