-Cal foi a motivación para presentar a túa candidatura para presidir ACIA?
Houbo renovación da directiva e cando saímos da reunión ese día, tres compañeiras que fundaramos ACIA Burela hai doce anos, e en vista dos cambios que viñan decidimos presentar a nosa candidatura. Somos xente creativa, de sectores diferentes, xa estiveramos na directiva catro anos cando se fundou ACIA e ese foi o motivo, a renovación da directiva.
-Cales son os obxectivos que vos marcades a nova directiva de ACIA Burela?
A presidencia son dous anos como mínimo e os nosos obxectivos son dinamizar a actividade comercial da vila, forxar marca e identidade de ACIA Burela e sobre todo darlle visibilidade á hostalaría e ao comercio de Burela dándolle esa visibilidade a cada un dos socios e tamén aumentar o número de socios. Agora somos sobre os 123 socios.
-Como levaredes adiante as accións de dinamización tanto do comercio como da hostalaría burelesas?
Con campañas dinámicas como foi a de Nadal. Agora mesmo estamos elaborando o calendario de traballo de 2024 e intentar visibilizar sectores.
-Cal sería a campaña que tedes como a máis destacable?
Todos os sectores son importantes. O comercio e a hostalaría é un traballo de día a día, pois ser autónomo é moi duro como digo eu, traballas todo o ano. A campaña de Nadal, xa dixen, foi moi dinámica, fixemos un premio dun chupa-chups de ouro valorado en 3.000 euros e cada socio bailaba co chupa-chups. Subiamos isto ás redes e as persoas preguntábanse que tenda sería, onde sería e ao final fíxose un sorteo que lle tocou a un veciño de Burela.
-Describe as fortalezas do mercado e da hostalaría bureleses?
A ubicación é a principal fortaleza para Burela porque temos a sorte de termos ao pé Alcoa e dentro da vila temos o porto e o hospital. Esa é maior fortaleza do noso comercio. Logo está a profesionalidade, pois eu considero que calquera sector comercial de Burela está moi preparado, é moi vangardista, está moi profesionalizado e sobre todo ten empatía e proximidade da xente que traballa no comercio.
-Burela é un bo sitio para instalar unha nova iniciativa?
Desde logo que si. Podo contestar ademais que eu levo trinta e oito anos coa miña tenda e estamos encantados. A xente de aquí implícase co comercio e ademais até aquí vén xente de toda a comarca e desde logo que iso implica unha oportunidade.
-Sobre o comercio online, como estades ligados a el, tedes plataforma propia?
No calendario de traballo que estamos creando gustaríanos introducir cursos de formación. Eu mesma desde o meu negocio fago vendas a través de Instagram e Facebook, aínda non teño a web activa que é un dos nosos proxectos para este ano. Coma nós creo que hai máis tendas e outras que teñen xa as teñen activas e tamén hai quen as ten como un propósito. Así en ACIA queremos levar adiante cursos para aprender a deseñar webs, como funcionan e sobre todo, porque entendemos que a día de hoxe as webs e a venda online son un punto de venda moi forte. Temos que unirnos a estas novas plataformas.