O Concello de Viveiro mantivo unha reunión co sector do ocio nocturno para planificar os próximos meses e colaborar de forma conxunta no cumprimento das normativas vixentes.
Na reunión, á que asistiron o 90% dos convocados, o concello informoulles de que nas próximas semanas haberá labores de inspección por parte dos servizos de Urbanismo para comprobar a adaptación dos locais á normativa vixente.
“No caso de que sexa necesario adaptar o local a algunha normativa, os encargados do mesmo disporán dun tempo para facelo”, explicaron a alcaldesa, María Loureiro, e a técnica xurídica do departamento de Urbanismo na reunión, a que tamén asistiu a tenenta de alcaldesa, Míriam Bermúdez.
“A nosa colaboración coa hostalería é unha prioridade, e o sector sabe que a súa actividade debe convivir cos dereitos dos demais”, asegura Loureiro, que entende e apoia tamén “as demandas dos veciños”.
“Queremos axudar ao sector, como xa fixemos durante a pandemia do coronavirus, porque o sector servizos é un piar moi importante da economía local”, remata a alcaldesa.