O Concello de Viveiro informa da apertura do prazo para solicitar axudas para a obtención dos permisos de condución clases B, C e D por parte de mozos e mozas. Estas axudas foron publicadas no día de hoxe no DOGA, a través da Orde do 31 de decembro pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clases B, C e D á mocidade galega. O seu importe é de 400€ para o carné B, 650€ para o carné C e 1.300€ para o carné D.
Os requisitos de idade que deben cumprir as persoas mozas no momento de presentar a solicitude son ter feitos os 18 anos para o permiso B, sen prexuízo da idade mínima para a obtención dos permisos de clase C e D, e non ter feitos os 31 anos.
A rapazada solicitante deberá tamén estar empadroada na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano, non estar traballando por conta propia nin allea, e aprobar os permisos de conducir para os cales se solicite esta axuda con data de expedición entre o 1 de xaneiro de 2023 e a data de presentación da solicitude.
A documentación a presentar é unha autorización temporal para conducir expedida pola Dirección Xeral de Tráfico, no caso de que a persoa solicitante teña aprobados os carnés obxecto da solicitude pero o documento aínda non fose expedido. No caso da mocidade que cambiara de domicilio padroal no último ano, deberá adxuntar certificado histórico de padrón.
O prazo de solicitudes estará aberto dende mañá, mércores 24 de xaneiro, ata o 30 de setembro de 2024, salvo esgotamento de crédito. Para máis información e para tramitar a solicitude de axuda, as persoas interesadas poden acudir á OMIX do Concello de Viveiro, situada no número 1 da praza Maior, chamar ao teléfono 982888440 ou escribir ao enderezo electrónico informacion.xuvenil@viveiro.es
O Concello de Viveiro lembra que é necesario dispor de Chave 365, certificado electrónico ou clave pin para realizar estes trámites, xa que as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos.