InicioOrientalTrabadaRubén García: "A nosa demanda é a cobertura da praza vacante no...

Rubén García: “A nosa demanda é a cobertura da praza vacante no centro de saúde”

Rubén García é o novo alcalde de Trabada logo que a súa antecesora, Mayra García, entrase nas listas do PSdeG para as vindeiras eleccións do 18 de febreiro. O primeiro traballo que ten por diante é que a Xunta cubra a praza vacante de médico no centro de saúde local, pois un dos facultativos xa se xubilou e o outro no é substituído cando ten días de libre disposición ou vacacións. Por iso reuniron 500 sinaturas para presentar á Consellería de Sanidade e atenda a súa reclamación.

Publicada o

- Advertisement -

Rubén García, alcalde de Trabada

-Canto tempo leva Trabada sen médico no Centro de Saúde?

Nós tiñamos dous médicos e un deles xubilouse haberá un mes aproximadamente. O outro médico segue traballando, mais como calquera persoa que traballa necesita dos seus descansos e os seus días de libre disposición. A nosa demanda é a cobertura do médico xa retirado e outra reivindicación é que, cando o médico actual ten os seus días de libre disposición e de descanso, moitas veces non se cobre a súa praza. Outras veces sucede que vén un día un facultativo e para o outro día vén outro distinto, así pois, a Xunta non nos ten nunha situación moi estable nin sequera no momento de cubrir a praza do médico que temos.

-As 500 sinaturas recollidas para pedir un novo médico e mellorar a atención aos veciños, van ser enviadas á Consellería de Sanidade?

Si, imos facer iso, enviarllo á Consellería de Sanidade e así verá que non é un antollo do goberno local de Trabada. Deben saber que é unha demanda dos veciños a cobertura desa praza. O noso concello ten unha poboación envellecida, unha residencia con trinta e nove prazas e diante disto, que pode facer un médico que non é o habitual en catro horas? Nese tempo ten as visitas á residencia de maiores, ir a domucilios de persoas que non poden acudir ao centro de saúde e a iso sumarlle as consultas diarias respectivas, todo isto sen haber urxencias, cousa que suceder e por tanto, son abondo esas catro horas?

-No caso de que Trabada quedase sen médico por calquera circunstancia, cal sería o centro de referencia a onde ir?

Primeiro Ribadeo, son trinta minutos ou Burela que son corenta minutos. Entendo que a unha ambulancia lle levaría máis chegar ao noso concello por iso penso nas urxencias, que se deben atender canto antes.

-Que outras medidas realizou o Concello de Trabada para cubrir a praza vacante?

Xa se lle enviou unha carta ao conselleiro de Sanidade e eu asinarei outra persoalmente cando lle enviemos as sinaturas recollidas. Desde logo, non pode ser que ofertemos uns servizos para asentar poboación en concellos pequenos, que esteamos pelexando por asentar poboación nos nosos concellos e que desde a Xunta, tanto en Educación como Sanidade, as dúas bases fundamentais para coidar, pois nos deixen afastados. Non pode ser, como dicía antes, que con 1.100 habitantes, cunha residencia para maiores, non pode ser que contemos cun só medio, cando o temos, pois son moitos os días sen médico en Trabada.

-E como levan ademais o tocante a enfermaría, puericultura e outros servizos?

En pediatría teriamos que ir a Ribade, un problema de vello e que se denuncia noutras áreas da Mariña. Nós temos unha pediatra, mais cando non pode vir non se cobre o seu posto e eu, que teño fillos, sei como funciona neste aspecto o servizo de pediatría.

-Asumiu a alcaldía hai pouco. Cales son os novos retos que se lle presentan ademais dos sanitarios?

A liña de traballo será a mesma, enfocarnos en traballar para a veciñanza, apostando por servizos públicos como xa fixemos coa apertura dun punto de atención á infancia que con tanto traballo sacou adiante a anterior alcaldesa Mayra García. Seguir apostando por todos e todas as veciñas, desde os máis pequenos con todos os servizos de conciliación que temos e seguir coidando nos maiores tamén, pois aí emos esa residencia aberta, a pesar de que o PP levara ao xulgado á anterior alcaldesa e a José Ramón Gómez Besteiro, a pesar diso a residencia está aberta. Tamén xuntamos diferentes actividades como terapias ocupacionais e outras como o uso do smartphone, palestras sobre saúde e todo coa colaboración da Deputación de Lugo. Tamén queremos mellorar infraestruturas, camiños e vías municipais e locais sociais para coidar as nosas parroquias.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...