InicioEconomíaO Goberno descarta "neste momento" a intervención de Alcoa e pide á...

O Goberno descarta “neste momento” a intervención de Alcoa e pide á empresa que identifique as súas necesidades

A secretaria de Estado de Industria confirma que a multinacional presentou solicitude ao Perte de descarbonización

Publicada o

- Advertisement -

A secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, afirmou que o Goberno descarta “neste momento” a intervención da factoría de Alcoa na Mariña e pide á multinacional que identifique as súas necesidades para poder ser axudada polo Estado.

Nunha entrevista na Cadea Ser recollida por Europa Press, a representante do Executivo central demandou a Alcoa que “cumpra co que asinaron cos traballadores”, aínda que recoñeceu que lles trasladaron “unha situación financeira complexa”, polo que o Goberno pon á súa disposición “todos os instrumentos”, tanto financiareos como de axuda para investimentos, indicou.

“Desde o Goberno de España imos facer todo o que está nas nosas mans para que unha industria tan importante como é esta, non só para Galicia, senón para o conxunto de España, poida seguir”, defendeu.

Cuestionada sobre a posible intervención pública a través da SEPI, Torró clarificou que agora mesmo non están “nese momento”, xa que se lle pediu á empresa que identifique os mecanismos que ten o Goberno ao seu alcance para axudala.

Así, detallou que o Executivo quere saber cales son as súas necesidades concretas para identificar os mecanismos que pode achegar. “Por tanto, estamos nese momento, no momento de identificar as necesidades. Máis aló de dicirnos que estamos nunha situación financeira complexa, temos que coñecer o detalle para así poder, desde o Goberno de España, ver os diferentes mecanismos que temos”, insistiu.

A responsable de Industria volveu a reiterar que para falar de intervención débese “analizar ben” e con seguridade xurídica. Ademais, apuntou que se trata de “unha cuestión seria”. “Nin descartamos nin aceptamos”, sostivo, antes de sinalar que analizarán como está a situación e, a partir de aí, “buscar o mellor instrumento” para que a empresa continúe. “Non podo dicir que é o que imos aplicar porque necesitamos previamente saber en que podemos axudar á empresa”, aseverou Rebeca Torró.

IMPORTANCIA DAS FORMAS

A responsable de Industria, preguntada sobre a fiabilidade da multinacional, recoñeceu que xa lle trasladou que “as formas tamén son moi importantes” e cre que “hai que ter respecto con todos, especialmente cos traballadores”. Con todo, Rebeca Torró ve “ben” que a partir do luns comecen a reactivación das cubas, como se acordou cos traballadores, o que mostra “un cumprimento”.

PERTE DESCARBONIZACIÓN

Ademais, a representante do Goberno asegurou que tampouco están no momento de expor a posibilidade dun comprador, porque Alcoa “presentou solicitude ao Perte” de descarbonización.

“Vai pór en marcha as cubas, solicitou un Perte… Por tanto, eu non podo estar nesa pantalla agora, non podo estar no momento agora do que me estás expondo. O que si que podo dicir é que conforme vaiamos pasando momentos iremos tamén acometendo decisións, pero a decisión nestes momentos e o momento no que estamos é identificar necesidades e aplicar solucións”, manifestou. Así mesmo, Rebeca Torró tamén valorou positivamente a colaboración coa Xunta, que cualificou de “importantísima”, sobre todo, de face aos traballadores.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...