A asociación O Vencello denuncia o mal estado que presenta o acceso ao centro de saúde pola rúa Suafonte e pide ao Concello que actúe nesa contorna “antes de que se produzan máis accidentes de peóns por mor da súa perigosidade”.
Esta entrada ao consultorio presenta un estado lamentable, cunha chea de baldosas levantadas e movidas do seu sitio que poñen en perigo a integridade dos transeúntes e doentes -fundamentalmente xente maior con mobilidade reducida- que acceden por esta rúa en coche, cadeira de rodas e muletas ás consultas médicas e tamén para recibir os seus tratamentos periódicos (nesa área están asignadas as dúas prazas de aparcamento de acceso ao centro de saúde).
O estado desta contorna é motivo de preocupación por parte dos usuarios e por iso piden ao Concello que acometa os arranxos necesarios para solucionar esta cuestión. Nunha reunión co Concello “díxosenos que os traballos estaban xa adxudicados, pero de momento aínda non teñen nada feito”.
Solicitude de reunión
A asociación O Vencello declara que solicitaron hai dúas semanas unha nova reunión coa alcaldesa, “pero de momento aínda non temos recibido contestación de cando nos recibirá”. Nesa xuntanza presentaranlle outras denuncias que a veciñanza nos transmite; coma son as condicións de atención ao público no Punto de Información Catastral.