O paso da borrasca Karlotta por Galicia está a saldarse este xoves cun regueiro de incidencias, choivas copiosas e ventos dunha intensidade poucas veces rexistrada en Galicia. De feito, o refacho máis intenso ata agora producíase ás 11,30 horas da mañá en Penedo do Galo, en Viveiro, onde os sensores de Meteogalicia detectaron 202,3 km/h.
A caída de ramas e árbores, así como o desprendemento de fachadas e galerías foron as incidencias máis frecuentes durante a mañá deste xoves e sucedéronse por toda Galicia. A borrasca tamén tivo influencia no tráfico ferroviario e no aéreo.
A circunstancia que máis está a complicar as operacións en Galicia é o vento. Ademais do refacho de máis de 202 km/h en Penedo do Galo, os ventos tamén alcanzaron o 170,7 km/h en Carballeda de Valdeorras.
Segundo a información das estacións de Meteogalicia, os refachos tamén chegan a 153 en O Xistral, en Muras; e a 150 en Vimianzo. En Punta Candieira, en Cedeira, o máximo márcase en 149 km/h.
As choivas, pola súa banda, están a afectar sobre todo á provincia da Coruña. Os puntos onde máis choveu son Santa Comba, con 62,9 litros por metro cadrado; Zas, con 53,1 litros por metro cadrado; e Lousame, con 46,4 litros por metro cadrado.