InicioEconomíaXermán Pérez: "O segredo é ofrecer un produto óptimo en tempo e...

Xermán Pérez: “O segredo é ofrecer un produto óptimo en tempo e forma”

Xermán Pérez Vilalba, Mobles Gama en Lourenzá, é xunto co seu irmán un emprendedor dentro da moblaría. Cando a crise azoutaba o sector da construción e sectores adxacentes, eles decidiron apostar pola continuidade do legado paterno e darlle saída en tempos complicados. Estamos diante dun deses casos de emprendemento na Mariña fóra do que é a hostalaría e o turismo en xeral, dous alicerces básicos na comarca. A innovación e a aposta polo bo traballo tamén ten a súa recompensa se se sabe traballar en todos os sectores.

Publicada o

- Advertisement -

Xermán Pérez Vilalba (Mobles Gama)

-Como comezou esta aventura de seguir cunha empresa de mobles durante a crise económica e da construción?

A empresa comezouna o noso pai e despois os fillos collemos o timón para non rendernos e buscar fabricar un produto de calidade e aquí seguimos. A nosa especialidade son os dormitorios e a melamina. Son armarios de portas corredoiras ou portas batentes acompañados de mesas de noite, cabeceiros e cómodas.

-Cales son os materiais que máis traballades?

Usamos taboleiros de aglomerado. Nós cortamos e fabricamos en base a ese produto.

-E quen son os vosos principais clientes?

Moblerías de toda Galicia, tamén de Asturias, Ponferrada e León.

-Como foi coller o negocio e presentarvos de cara aos potenciais clientes?

Temos un catálogo que levamos ás moblerías e logo quen quere traballar con nós pon un expositor e en base a iso traballamos. Temos representantes e contacto de fábrica cos clientes. Basicamente é darlle confianza aos clientes. Nós non vendemos a público senón a moblarías, pódese dicir que a profesionais.

-Dentro do voso traballo como se consegue a confianza do cliente?

Ofrecendo un produto óptimo e servindo en prazo, tempo e forma. Nós facemos a entrega en tres semanas de media.

-Se algún cliente vos pedise facer algún traballo en madeira “maciza” de castiñeiro ou carballo, por exemplo, abordariádelo?

De momento non, ese é outro tipo de fabricación onde de momento non temos entrado.

-Os clientes demandan algún tipo especial de moble segundo épocas do ano?

Hai picos de consumo como en todo tipo de mercado. Durante o verán por exemplo, hai persoas que alugan pisos ou casas entón necesitan ter mobles preparados xa de maneira rápida. O reto é que haxa un consumo estable e cada vez maior. Intentar que o estacional sexa o menos posible.

-Tamén este traballo vos obrigará a seguir os gustos de determinados momentos.

Si, seguimos cales son as tendencias que buscan os clientes e desa maneira poder ti responder a ese tipo de peticións.

-Cal foi a encarga máis curiosa que tivestes?

A ver, intentamos non meternos en encargas difíciles porque ao final poden complicarse e non saír adiante.

-Cando decidistes emprender e continuar coa empresa do voso pai, non houbo quen vos dicía non arriscar?

Ás veces parece que hai un alo negativo cara todo aquilo que é emprender e no noso caso continuar. Debes centrarte e concentrarte en fabricar e dar o máximo da experiencia acumulada para priorizar os mellores puntos que tes.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...