Axentes da Garda Civil detiveron a un veciño de Burela, de 19 anos de idade, como presunto autor dun delito de lesións, tras agredir a unha muller á que non coñecía e, ao arrestalo, puideron comprobar que sobre el pesaban varias requisitorias xudiciais de procura, detención e personación.
Os feitos ocorreron na madrugada do pasado sábado en Foz, cando unha muller abordou a unha patrulla da Garda Civil para denunciar que acababa de ser agredida por un home ao que non coñecía de nada.
A muller presentaba lesións na cara e posible fractura do tabique nasal, polo que un dos axentes quedou con ela para atendela e solicitar asistencia sanitaria, mentres que o outro iniciou a procura do presunto autor dos feitos pola praia da Rapadoira.
Finalmente, localizou a un home que respondía á descrición facilitada pola vítima pero, cando este se decatou da presenza policial, iniciou a fuxida a pé, ata que foi alcanzado e detido, aínda que ofreceu gran resistencia. A muller recoñeceuno como autor da agresión, aínda que insistiu en que descoñecía o motivo, porque nunca vira a esa persoa antes. O detido foi posto a disposición xudicial.