A fábrica de Ence en Navia pechou o 2018 con “máximos históricos” no tocante á produción da compañía. A factoría naviega produciu máis de 530.400 toneladas de pasta de papel.
O balance anual da produción da biofábrica do occidente de Asturias reflectiu un aumento do 1,4% con respecto a 2017, cando saíron de Ence Navia unhas 523.000 toneladas.
Segundo expón a compañía, a fábrica naviega mellorou os seus resultados en materia de sostenibilidade, ao reducir nun 60% o impacto oloroso e nun 67% o referido á emisión de partículas, con respecto ás cifras do exercicio 2017.
Ence asegura nun comunicado que a biofábrica de Navia “consolídase deste xeito como a de maior produción do grupo empresarial, ademais de ser a maior e máis eficiente fábrica de celulosa do mercado de eucalipto de Europa”.
Catrocentos operarios traballan actualmente en Ence Navia, dos que “un 70% son orixinarios da comarca do occidente asturiano”, asegura a empresa, que engade que a actividade da fábrica naviega “xera uns 3.000 empregos estables de maneira directa, a metade no ámbito forestal”.
AMPLIACIÓN
Ence proponse como obxectivo para 2019 unha ampliación que busca aumentar a capacidade da biofábrica en 80.000 toneladas de celulosa adicionais. A intención da compañía é iniciar o plan trala parada técnica anual.