O comité de empresa da fábrica de Alcoa en San Cibrao pediu á multinacional que “retire das negociacións do ERE de extinción calquera proposta que afecte aos traballadores que non están alí representados“.
Despois de que a multinacional ofrecese aos representantes dos traballadores na Coruña e Avilés “deixar vacantes coa oferta prexubilacións” na planta de aluminio da fábrica cervense para reubicar 50 empregados das factorías da Grela e San Balandrán, o comité de empresa da planta de San Cibrao mostrouse rotundo.
O colectivo de obreiros da factoría cervense considera “inaceptable que se fale do centro de San Cibrao cando o comité de empresa non está presente na mesa. Dubidamos incluso de que sexa legal“, explicou o presidente do comité de Alcoa San Cibrao, Xosé Paleo.
RESPALDO “SEN FISURAS”
A comisión negociadora rexeitou a proposta de Alcoa, consistente en despedir a dous terzos do persoal da Coruña e Avilés -un total de 686 obreiros- e, coa participación duns 200 empregados, suspender as fundicións ata o 30 de xuño, á espera de atopar comprador.
Ademais, prometeu 50 reubicacións en San Cibrao a partir de ofrecer prexubilacións aos obreiros da planta cervense cunha idade igual ou superior aos 57 anos. O resto dos traballadores da Coruña e Avilés serían despedidos a partir de plans de indemnización ou baixas incentivadas.
En Cervo, a manobra provocou malestar. “Respaldamos sen fisuras o rexeitamento que fixeron os nosos compañeiros á oferta de Alcoa, porque só significa unha cousa: o peche“, expón Paleo, que alude a que “o feito de que a empresa teña prevista a demolición das cubas se nón aparece comprador dío todo”.
Paleo afirma que “a oferta da empresa non nos preocupa especialmente. O que nos preocupa é todo este proceso e saber que, se non hai unha solución para o tema da enerxía, poden ser dous meses ou dous anos, pero nós estaremos nesa situación no futuro“, expón.
O GOBERNO DESCARTA INTERVIR
Ao longo do venres non se produciron avances. O Goberno centralque recibiu presións de distintas forzas políticas para intervir as fábricas, descartou a posibilidade de exercer outro papel que non sexa o mediador. “A nacionalización das empresas é contraria á normativa europea“, lembrou o delegado do Executivo en Galicia, Javier Losada.
O presidente do comité de empresa da Coruña, Juan Carlos López Corbacho, acusou ao Goberno de manter “unha interlocución mínima. Acaban de botarnos aos leóns“, espetou o sindicalista.
Por outra banda, o BNG solicitou un pleno extraordinario no Parlamento de Galicia e instou ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, “a saír do seu silencio”. Os obreiros criticaron que non se cumpriu a promesa do Goberno galego de recibir aos traballadores.
MANIFESTACIÓN NA CORUÑA
Os traballadores de San Cibrao participarán o domingo, a dous días de que remate o período de consultas do ERE, nunha manifestación das tres plantas españolas de Alcoa que percorrerá A Coruña.
Da fábrica cervense sairán autobuses e varios traballadores irán tamén en coches particulares.
Antes, o sábado, celebrarase unha marcha en Avilés, desde a planta de San Balandrán ata a Praza do Concello, onde se espera aos traballadores ás 12.00 horas.