O Concello de Mondoñedo inscribiu un inmoble en ruínas dunha entidade bancaria no rexistro de solares municipal.
Esta inscrición habilita ao goberno local para tramitar a venda forzosa do edificio nos temos establecidos na lexislación do solo de Galicia.
Así, no prazo máximo dun ano sacarao a poxa pública co tipo de licitación que resulte da valoración do inmoble.
En concreto, a finca inscrita é a 25054 do rexistro da propiedade, correspondente ao número 13 da rúa Bispo Sarmiento.
Previamente declararase a ruína do inmoble e ordenarase a execución de obras de consolidación da fachada do edificio. Ante o incumprimento reiterado desta orde, o Concello impuxo dúas multas coercitivas, o 23 de marzo e o 30 de xuño do ano pasado.
Despois de que o titular, unha entidade bancaria, fixera caso omiso das advertencias e sancións, o Concello procedeu á inscrición do edificio no rexistro de solares ao amparo da Lei do Solo.
O Concello sacará o edificio a subasta nun prazo máximo dun ano. Se a poxa fose declarada deserta, poderá adquirir o inmoble con destino ao patrimonio público do solo ou convocarase de novo, no mesmo prazo, con rebaixa do prezo tipo nun 25%.
NOVA NORMATIVA
A alcaldesa, a popular Elena Candia, referiuse á lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbás de Galicia, recentemente aprobada. “A estratexia pasa por ofrecer axudas aos propietarios”, lembra a rexedora, que non obstante anuncia “contundencia na aplicación da normativa para os propietarios que desoen todas as ordes e requirimentos”.