IniciosociedadeAlomenos seis mariñaos padecen alerxia á carne vermella por picadura de carrapata

Alomenos seis mariñaos padecen alerxia á carne vermella por picadura de carrapata

Son os casos documentados no hospital, cuxa alergóloga explica que a provincia é pioneira na diagnose deste cadro e que "hai que crear conciencia social na hostalería e industria alimentaria"

Publicada o

- Advertisement -

Alomenos seis mariñaos padecen o síndrome de alfa-gal, a alerxia á carne de animais mamíferos que produce a picadura dunha carracha. O Hospital Público da Mariña documentou media ducia de casos deste cadro, de recente descuberta, nos últimos tres anos.

Explicaba esta estraña alerxia o pasado oito de xaneiro Olaya Louzao, residente en Ourol, no Xornal da Mariña. A picada dunha carrapata fixo que o seu organismo desenvolvese anticorpos contra a galactosa-alfa-1,3-galactosa (alfa gal), un carbohidrato presente na maioría dos mamíferos, pero non nos humanos.

Así, o consumo de carne de vaca, porco ou cordeiro -mesmo o de alimentos procesados con graxas animais– prodúcelle “náuseas, vómitos, urticaria ou mesmo cólicos”.

Calquera posible contacto con outros insectos podería producir unha crise anafiláctica, polo que vai sempre acompañada dunha inxección con adrenalina.

HULA E CHUS, PIONEIROS NA IDENTIFICACIÓN

A alergóloga do Hospital da Mariña, Teresa González, explica que o síndrome de alfa-gal é un cadro de recente diagnose e que os profesionais da provincia de Lugo foron pioneiros neste ámbito.

os hospitais de lugo e santiago identificaron os primeiros casos en europa entre agosto do 2010 e xaneiro do 2011

Os primeiros casos descritos en Europa con estudos de laboratorio que o confirmaran foron cinco; catro do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) e un do Complexo Hospitalario Universitario Santiago de Compostela (CHUS), entre agosto de 2010 e xaneiro do 2011”, expón a alergóloga.

González explica que o habitual é que a alerxia se manifeste “entre tres e seis horas despois de ter consumido carnes vermellas, vísceras ou xelatinas de orixe porcina, que se utilizan para facer doces”.

Os síntomas máis habituais varían desde as “lesións na pel á falta de vida, mareo, a perda de coñecemento ou mesmo a parada cardiorespiratoria”.

O síndrome de alfa-gal presenta unha particularidade con respecto a outras alerxias, e é que “neste caso, pódese presentar sen haber contacto co alérxeno ou alimento, como ocorre na maioría dos casos”.

DIAGNOSE

A alerxia detéctase a partir dunha proba denominada prick test, á que precede de forma necesaria “unha correcta historia clínica a partir dos síntomas e do que comeu o paciente”, indica González.

Os exames fanse con diferentes carnes vermellas e con cetuximab, que é un fármaco que presenta alfa gal”, expón a alergóloga, que engade que “posteriormente isto ratifícase cunha análise de sangue”.

a día de hoxe, non hai información suficiente para predecir cando unha persoa é alérxica

Malia que a alerxia está ben documentada, aínda hai incógnitas por resolver.

“Non dispoñemos de información para saber cando alguén vai ser alérxico e cando non. Todos os nosos pacientes teñen o antecedente da picadura da carrapata, e obviamente canta máis exposición maior facilidade, pero hai pacientes con moitos contactos e que non presentan problemas, mentres que outros cun xa é abondo, aínda hoxe non sabemos por que”, razoa.

A PREPARACIÓN IMPORTA

González matiza que “non sempre que se come a carne nin con todos os produtos se desenvolven reaccións adversas. Depende da forma de preparación, do contido en alfa-gal de órganos e tecidos e da calidade de alimento inxerido. Ademais, hai cofactores, que poden empeorar a reacción, como o alcol ou o consumo de antiinflamatorios, entre outras”, expón a doutora.

Por iso sinala que, aínda que a alerxia é hoxe máis coñecida, aínda “é importante crear conciencia social sobre isto, principalmente na hostalería e nas empresas alimentarias”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...