Se Galicia é a comunidade na que máis caeu o investimento -un 19,2%- no proxecto dos orzamentos xerais do Estado (PGE) que presentou o Goberno socialista de Pedro Sánchez, Lugo é a provincia galega que menos diñeiro recibirá.
A proposta do Executivo beneficiará, principalmente, á provincia de Ourense con 269,65 millóns, que en boa parte (264,66) responden ás obras do AVE, a pesar da caída na recta final das obras; e 25,6 millóns do sector público administrativo estatal con orzamento limitativo.
A continuación sitúase A Coruña, que recibe un total de 227,94 millóns de euros, deles 172,84 procedentes de empresas públicas e demais organismos e 55,1 do sector público administrativo estatal.
Pontevedra ubícase en terceiro lugar con 162,45 millóns: 93,22 millóns das entidades públicas e 69,23 millóns do sector público administrativo.
Pecha a táboa Lugo, á que corresponden 18,86 millóns das empresas públicas e fundacións e 52,36 do sector administrativo do Estado.
O investimento en alta velocidade contrasta coa falta de fondos para A Mariña Lucense no tocante á liña de FEVE que conecta Ribadeo con Ferrol. A provincia da Coruña si recibirá 10,76 millóns de euros, pero non así o treito que abrangue a bisbarra, no que non haberá ningunha novidade significativa.
CINCO MILLÓNS PARA A A-8
O voceiro parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, destacou que o Goberno central destinou “80 millóns a obras en estradas, entre as que se inclúen a dotación dunha protección antinéboa á A-8 no Fiouco (con cinco millóns de orzamento para 2019, ningunha partida para 2020) ou a autovía da Mariña”.
A-74
A A-74 recibirá case 1,3 millóns para a redacción do proxecto entre Burela e San Cibrao, para o que se contempla unha nova partida dun millón no 2020.
CRÍTICAS
As contas do Goberno socialista desataron as críticas. A voceira do BNG, Ana Pontón, falou de “labazada na cara” e “profunda decepción”.
A deputada de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, considera que o proxecto para 2019 que presentou este luns o Goberno na Cámara baixa é “inadmisible” e “un castigo para Galicia enteira”.
Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, denunciou que “Galicia sae perdendo para que outras, como Cataluña, que sobe máis de catro puntos de porcentaxe, saian gañando polos compromisos do presidente do Goberno”.