A subdelegada do Goberno central, Isabel Rodríguez, fixo un chamamento á implicación social na loita contra a violencia de xénero “pois os datos demostran que son moitas as mulleres que sofren esta lacra”.
A subdelegada deu conta dos datos recollidos na memoria da Unidade contra a violencia sobre a muller da subdelegación do Goberno de 2018. Na provincia de Lugo, o número de casos activos ao comezo deste ano no Sistema VioGen é de 468.
Tamén destacou o feito de que 57 das vítimas teñen máis dun caso con distintos agresores e, ademais, contabilizáronse 73 persoas reincidentes que teñen casos activos con máis de unha muller.
Tocante ao perfil das vítimas, correspóndese cunha muller de entre os 31 e os 45 anos (42,85% do total), con fillos e de nacionalidade española.
MENORES DE IDADE
Respecto da incidencia de casos de violencia de xénero entre a xente moza, foron dúas as denuncias efectuadas nas que a vítima é minor de idade, o que supón un 0,2% do total de casos coñecidos pola Unidade contra a violencia sobre a muller da subdelegación do Goberno durante o pasado exercicio.
LUGARES DE RESIDENCIA
En canto ao lugar de residencia das vítimas, a subdelegada informou de que o 48% das vítimas son mulleres que viven no concello de Lugo e o 52% residen no resto de concellos da provincia.