InicioEconomíaOs obreiros de Cervo rexeitan o preacordo: "Alcoa xoga co futuro de...

Os obreiros de Cervo rexeitan o preacordo: “Alcoa xoga co futuro de 106 ETTs e eventuais”

Os traballadores lamentan que a multinacional "manobrase ás nosas costas" e ven o pacto como unha violación do convenio, "que conlevou renuncias a cambio dos contratos de relevo"

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao rexeita o preacordo entre a multinacional do aluminio e os sindicatos que inclúe a reubicación de ata 106 empregados das plantas de Avilés e A Coruña na fábrica de Cervo.

O acordo pasaba por manter a actividade das fundicións nas factorías e a torre de pasta da Coruña, o que garantiría emprego a uns 200 traballadores. Alcoa propuxo saída para outros 106 obreiros en San Cibrao, con ofertas de prexubilacións.

Poderían adherirse ás baixas incentivadas os traballadores de 57 anos ou máis ao 31 de decembro de 2018, cun complemento que, sumado á prestación por desemprego, alcance as porcentaxes seguintes: de 57 a 59 anos, o 74% do salario anual bruto ata os 64 anos, e de 60 ata 65 anos, o 78% salario anual bruto ata os 65 anos.

a proposta, que inclúe prexubilacións a partir dos 57 anos, supón para o comité “trasladar o ere á mariña lucense”

Nun comunicado, os representantes dos traballadores aseguran que “non aceptamos, baixo ningún concepto, que se poña en entredito os futuros contratos de relevo para os traballadores das Empresas de Traballo Temporal (ETT) e eventuais na planta de San Cibrao”.

Para o comité sancibrense, “a proposta suporía trasladar o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) á Mariña Lucense” e “despedir a 106 persoas entre ETTs e eventuais, algo que non estamos dispostos a consentir”.

O presidente do comité, Xosé Paleo, sinala que os traballadores de San Cibrao séntense “enganados” pola empresa, que “negociou este preacordo ás nosas costas e sen consultarnos, cando os obreiros da nosa planta non tiñan representación legal na comisión negociadora do ERE.

os empregados de san cibrao séntense “enganados” e lamentan que “alcoa ponnos entre a espada e a parede”

O sindicalista lamenta que a empresa “ponnos contra a espada e a parede” ao convidalos a refrendar un pacto para o que non foron requeridos e asegura que o comité entende o preacordo como unha violación do “noso convenio laboral”.

Cando negociamos pagamos un prezo e o acordo para executar os contratos de relevo conlevou renuncias, polo que agora sentimos que nos están a roubar o que é noso”, indica o presidente do comité sancibrense.

83 OBREIROS PENDENTES DE ENTRAR

Segundo os últimos datos dos que dispón o colectivo de traballadores da factoría sancibrense, de decembro do 2017, había “83 obreiros pendentes de entrar na fábrica, algúns deles con máis dun ano de actividade na planta”.

piden contratacións ante a carencia de persoal, “que pon en risco a seguridade e a viabilidade da fábrica”

FALTA DE PERSOAL

O comité non se opón a que traballadores de Alcoa e Avilés reforcen a planta sancibrense, que conta con 1.200 empregados. “A empresa reduciu o persoal en 600 obreiros propios desde a compra da planta”, lembra.

Segundo expón o comité, a carencia de persoal “pon en risco a seguridade dos traballadores e a viabilidade das plantas“.

SEN DATA DE ASEMBLEA, PIDEN EXPLICACIÓNS

Así, os empregados da fábrica sancibrense quitan validez ao pacto entre Alcoa e os sindicatos, que só coñecen “pola prensa” e agardan un movemento da empresa, que “debe dirixirse directamente a nós”.

o comité sostén que alcoa “debe dirixirse primeiro a nós”, polo que non hai data de asemblea para valorar o pacto

Polo tanto, por agora non hai data dunha posible asemblea de traballadores para refrendar ou rexeitar o acordado.

REACCIÓNS AO PACTO

Por outra banda, a representación da CIG na Coruña negouse a asinar o acordo ao entender que se “fundamenta nos despedimentos, que a 1 de xullo terían lugar inequivocamente”.

Os partidos políticos pediron á Xunta de Galicia e o Goberno central unha “fronte común” para manter o emprego.

O Goberno, pola súa banda, comprometeuse “plenamente” co mantemento do emprego, tal e como pedía a comisión negociadora. O secretario xeral de Industria, Raúl Blanco, e afirmou que o Executivo porá “todos os recursos posibles para minimizar o impacto dun peche“. 

POXA DE INTERRUMPIBILIDADE

A finais da semana pasada, o comité de empresa de San Cibrao mantivo unha conferencia coa dirección da planta para recibir explicacións do resultado da subasta de enerxía interrumpible.

o resultado da poxa de enerxía interrumpible reforza a sensación de provisionalidade na planta

A charla non quitou a sensación de provisionalidade que se vive na fábrica, máis trala situación de Avilés e A Coruña, senón ao contrario.

Paleo sinala que “as perspectivas son bastante malas” e reiterou a necesidade de que o Goberno “desenvolva o estatuto enerxético para a industria electrointensiva. Ou o fai ou teremos pouco futuro”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...