O Pescados Rubén Burela FSF salvou un punto e a imbatibilidade no último minuto do encontro ante o Mengíbar (1-1). Luisma anotou o tanto que permite seguir invictos e líderes aos discípulos de Juanma Marrube.
O cadro burelao ten 39 puntos tras 17 xornadas disputadas. Os rivais directos do Pescados Rubén sacaron adiante os seus encontros. O Manzanares derrotou ao Gran Canaria (3-2) e o Betis desfíxose de El Pozo Ciudad de Murcia (5-3).
Así, o Manzanares empata a 39 tantos cos bureleses na cabeza da táboa, mentres que o Betis ten 36. O Mengíbar é cuarto con 32.
PRIMEIRO ACTO
Na primeira metade, a igualdade presidiu o encontro, con boas oportunidades para os dous equipos e protagonismo dos porteiros.
Edu demostrou a súa categoría ante Dani Aranda e para repelir un lanzamento de falta, mentres que o visitante Rafa estivo atinado en dúas oportunidades de Hélder e Porto. A mellor ocasión, con todo, foi para Emilio Buendía, que se topou co poste.
A falta de tres minutos para o descanso, Renato foi expulsado e conxunto andaluz aproveitou a inferioridade numérica dos locais para adiantarse o marcador. Miguelao anotou o 0-1 cando faltaban 50 segundos para paso polos vestiarios.
SEGUNDO TEMPO
No segundo tempo, o equipo local envorcouse sobre a portería visitante. A falta de tres minutos, o técnico do conxunto laranxa decidiuse polo xogo de cinco e Luisma fixo boa a aposta co 1-1. Era o minuto 39.
Matamoros aínda tivo o 2-1 nas súas botas, pero Rafa demostrou unha vez máis a súa seguridade como porteiro ao deterlle ao pivote madrileño un dobre penalti.
VINDEIRA XORNADA
Na vindeira xornada, o cadro mariñao visitará a pista do filial de El Pozo Murcia (Palacio de los Deportes, sábado, 17.00 horas).