O BNG de Barreiros presentou unha moción -que se debaterá no pleno do vindeiro luns- para que o Concello presente unha alegación ao proxecto da A-74 para que se habilite un acceso desde o polígono industrial da Cruz do Lobo á conexión da autovía proxectada coa A-8.
A voceira municipal e candidata ás eleccións polo BNG, Ana Ermida, argumenta que “se o polígono de Barreiros conta con unha entrada directa que evite os desprazamentos a contrasentido para o acceso aos mesmos, melloraría a competividade das empresas”.
Ermida asegura que, con esta “pequena medida”, o polígono de Barreiros pasaría a converterse “na zona industrial mellor situada en toda a A-8 e na propia A-74, co pulo que iso suporía á zona industrial e as repercusións económicas e sociais que se derivan dese feito”.
A voceira dos nacionalistas barreirenses afirma que dotar ao polígono da mencionada conexión “é tecnicamente posible e economicamente viable, xa que o parque industrial está a escasos 500 metros da conexión”.
DATA LÍMITE
Así, o BNG presenta a iniciativa para “arrincar o compromiso do goberno municipal de que poña os servizos técnicos a traballar nesta proposta e que antes do 5 de febreiro, cando finaliza o prazo de alegacións“, explica a portavoz municipal.
Ermida subliña que “apostar pola política industrial en Barreiros é facer este tipo de xestións e non anunciar implantacións de empresas pantasmas cada catro anos en período electoral”.