InicioEconomíaAlcoa cínguese ao acordo e non prevé contratacións en San Cibrao

Alcoa cínguese ao acordo e non prevé contratacións en San Cibrao

A multinacional consultará a posibilidade de ofrecer prexubilacións co comité da fábrica de Cervo, cuxa decisión será vinculante

Publicada o

- Advertisement -

Tralo respaldo dos traballadores das plantas de Avilés e A Coruña ao preacordo alcanzado entre Alcoa e os sindicatos, a multinacional do aluminio e o comité de empresa de San Cibrao abordarán nas vindeiras semanas un pacto que de saír adiante afectaría á fábrica cervense, coa posibilidade de ata 106 prexubilacións para ubicar empregados das factorías da Grela e San Balandrán.

A empresa dá por válido o acordo “unha vez ratificado polo persoal de Avilés e A Coruña”. Fontes da multinacional sinalan que a continuación “implementarase o pactado nas dúas fábricas”.

Sen concretar datas, a compañía indica o que comité de empresa de San Cibrao será consultado sobre as condicións do acordo que afecten á fábrica cervense, e precisa que a súa decisión será vinculante.

O pacto queda a expensas de que os representantes dos traballadores na fábrica de Cervo dean a súa conformidade”, indican.

BAIXAS VOLUNTARIAS

As fontes de Alcoa sinalan que se ofrecerán “baixas voluntarias e incentivadas” aos traballadores de 57 anos ou máis da fábrica cervense, de xeito que se creen “vacantes” para ubicar operarios das factorías coruñesa e avilesina.

Segundo o pactado, o complemento que percibirían os traballadores -sumado á prestación por desemprego- alcanzaría as seguintes porcentaxes: de 57 a 59 anos, o 74% do salario anual bruto ata os 64; de 60 ata 65 anos, o 78% do salario anual bruto ata os 65.

REXEITAMENTO DO COMITÉ CERVENSE

Os traballadores de San Cibrao aseguran que non houbo novidades logo dunha semana desde que se adoptou o preacordo e seguen a esperar unha comunicación oficial por parte da empresa dun pacto que rexeitan por considerar “ilegal e irrelevante”.

O presidente do comité de empresa, Xosé Paleo, resta validez a un acordo que inclúe cláusulas que afectan a San Cibrao sen que os representantes legais dos traballadores estivesen presentes na mesa de negociación do Expediente de Regulación de Emprego (ERE).

Paleo reitera que o comité defenderá “os postos de traballo dos eventuais e ETTs e os contratos de relevo conseguidos na negociación do convenio, para o que debimos pagar o noso prezo. Que ninguén teña a menor dúbida”, afirma.

REFORZO DE PERSOAL

Os empregados non se opoñen a que a fábrica contrate empregados de Avilés e A Coruña, e mesmo destacan a necesidade de reforzar o persoal, tanto por motivos de seguridade como de produtividade.

Sen embargo, Alcoa cínguese ao documento asinado cos sindicatos, que non contempla contratacións en San Cibrao se non se producen vacantes. “Contratar persoal non está dentro do acordado”, sinalan.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...