O Illa Pancha Challenge segue a crear expectación. O primeiro desafío de surf de ondas grandes que se celebrará en Galicia non precisa de que comece a competición para atraer ao público.
O pasado mércores, visitantes “de Francia, Madrid ou de todo o norte peninsular” achegáronse ata Ribadeo para admirar e fotografar o primeiro adestramento da proba, segundo expón un dos coordinadores, Óscar García.
TURISMO “SUSTENTABLE E DE CALIDADE”
O coordinador felicítase polo movemento que xerou o ensaio. “A xente consumiu na vila e iso é o que agardamos, potenciar non só o municipio senón A Mariña Lucense“, indica.
García engade que “o turismo deportivo é sustentable e de calidade, e deberamos pensar máis nel”. Os organizadores esperan a 7.000 persoas durante o evento, que se retransmitirá na rede en streaming con drons de alta tecnoloxía.
“NON É HABITUAL ESTAR TAN PRETO”
No adestramento participaron tres especialistas de nivel mundial, Eric Rebiere -un dos organizadores-, Axi Muniain e Ros Clarke-Jones. Os deportistas tentaron domar ondas de entre once e doce metros, inferiores á que esperan afrontar -‘O Panchorro‘, de entre 15 e 20 metros- durante a competición.
Con todo e malia que as ondas deixaron cun sabor agridoce aos surfistas, a presenza de afeccionados de diversas latitudes para unha simple toma de contacto alenta a convicción dos organizadores de que será “un evento especial” tanto pola perigosidade e espectacularidade da onda a surfear como pola singular ubicación da proba.
“Non é habitual que o público poida estar tan preto, e iso é un aliciente para todos. Para os asistentes, que desfrutarán do espectáculo, e para os surfistas, porque sentirán o calor da xente”, explica García.
Que condicións fan especial a Illa Pancha para agardar ondas de ate 20 metros? En Illa Pancha prodúcese un fenómeno coñecido como slap; a onda pasa por un calado pouco profundo e ten que adaptarse para medrar, o que deriva nun tubo de gran altura, case un muro. “Esperamos que o Illa Pancha Challenge poda deixar algún récord“, asegura.
Haxa marca ou non, semella que Illa Pancha Challenge chegou para quedarse. “Xa temos asinados contratos para tres anos con algúns patrocinadores. Este evento vai durar e vaise facer en Ribadeo”, asegura García.
DATA POR CONCRETAR
Os seareiros terán que agardar para desfrutar da competición, aínda que quizais non demasiado. Os organizadores están a monitorizar unha borrasca que se producirá nos próximos días para saber se será posible surfear ‘O Panchorro‘.
Os impulsores requiren dunha antelación de oito días para programar o evento, que congregará a 24 dos mellores especialistas mundiais da modalidade de ‘big wave‘, reservada aos máis atrevidos e experimentados.