A Asociación Mujeres en Igualdad de Burela (Bumei) presentou este martes na casa do mar un calendario co que quere visibilizar a “unión dun pobo contra a violencia de xénero”.
Máis de 24 colectivos e empresas do concello participaron na iniciativa, retratándose detrás de carteles con mensaxes de “Non á violencia de xénero” para poñer imaxe a cada unha das páxinas do almanaque -doce meses en galego e doce meses en castelán-.
“Mesmo así, quedou curto para recoller a todas as asociacións que se dirixiron a nós interesándose pola iniciativa, incluso doutros concellos”, explica Mary Fraga, presidenta de Bumei.
No coro de voces que se sumaron a este “rexeitamento unánime” á violencia de xénero figuran entidades con fins e intereses diversos, desde o CD Burela FS ou a asociación deportiva Pasada das Cabras ata a Asociación de Xubilados do Mar A Moncloa, Debra a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña.
“Pensamos que as asociacións representan ben a pluralidade da sociedade, por iso decidimos que fosen as protagonistas do calendario”, argumentou Fraga.
O calendario repártese gratuitamente na sede da asociación, no baixo da casa do mar de Burela. “O que queremos é que a mensaxe estea presente en todos os lugares. Un calendario é unha boa forma de recordarnos que cada persoa pode facer algo para parar esta lacra, cada día”, enfatizou Fraga.
PRESENTACIÓN
Os colectivos retratados para o calendario participaron este martes no acto de presentación no que interviu a secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia.
Susana López Abella puxo en valor a iniciativa e sinalou que “para conseguir a erradicación da violencia de xénero é necesaria a implicación de multitude de axentes, tanto desde o sector público como desde o privado”
ATENCIÓN DIRECTA ÁS VITIMAS
Constituída formalmente en 2012, Bumei desenvolve diferentes programas de atención directa ás vítimas da violencia machista ás que ofrece desde recursos de primeira necesidade ata plans de formación ou de inserción laboral.
“A independencia económica é clave para que as mulleres poidan saír do círculo de violencia”, subliñou Fraga.
Bumei forma parte da rede Mujeres en Igualdad, con máis de 250 asociacións en todo o Estado.